CULTURA

‘Lo real’, intervención de María Castellanos Vicente

16/12/2014 A Zona C continúa a programación de intervencións artísticas coa inauguración da proposta de María Castellanos Vicente neste espazo de uso múltiple. Será esta noite ás 20.00h e contará coa presenza da artista, da concelleira de cultura María Antón Vilasánchez e do director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou Fernández. María Castellanos obtivo o segundo premio Auditorio de Galicia para novos artistas 2013, un premio con asignación económica e que ofrece a posibilidade ao gañador ou gañadora de realizar un proxecto individual e específico na Zona C.

María Castellanos Vicente (Xixón, 1985), indaga en ‘Lo real’ acerca da percepción. Formalmente, concibe unha instalación cunha parede chea de espellos aparentemente normais e sitúa no centro da sala un monitor no que o público se vai atopar coa cita do filósofo francés Jean Baudrillard: ‘O real xa non é aquilo que se pode reproducir, senón o reproducido’. A frase só se pode ver a través do monitor, que reproduce a tempo real o que unha cámara situada na sala está a capturar.

A incongruencia entre a imaxe ‘real’ e a ‘reproducida’ fai pensar ao espectador que está a ser enganado, isto é posible grazas a luz infravermella. A luz infravermella non é visible para o ollo humano, pero podemos vela a través dunha cámara de vídeo. Entón preguntámonos: "Que é o real?"

A investigación acerca dos infravermellos e a percepción humana é unha vía de traballo aberta na práctica artística de María Castellanos e nela continúa traballando actualmente. Recentemente realizou traballos como Corpo-Realidade, un proxecto producido grazas ao Premio Astragal 2012 e para o que a artista elabora dous traxes de percepción co fin de realizar unha acción monitorizada na que a visión real do espectador non coincida coa visión en tempo real do monitor. O monitor transmitía as imaxes que captaban unhas cámaras de vídeo sensibles á luz infravermella.
María Castellanos Vicente é artista e investigadora. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde actualmente está a realizar a súa tese ‘La piel biónica. Membranas tecnológicas como interfaces corporales en la práctica artística’. No seu traballo investiga liñas como a percepción, a relación entre o tecido epitelial e o téxtil ou as carencias sensoriais humanas e como suplilas mediante ferramentas tecnolóxicas. A súa obra foi seleccionada en numerosos certames e obtivo diferentes galardóns entre os que destacan o 2º Premio do Auditorio de Galicia para novos artistas 2013, o premio Tentaciones 2011 - Feira Estampa, Madrid, Premio Astragal 2013 ou o premio Artista Revelación do Principado de Asturias en 2008. Participou nun gran número de exposicións, nacionais e internacionais, estando presente en países como Portugal, Arxentina, Colombia, Australia e Xapón. Entre as mostras máis recentes encóntranse Eidos dá Imaxe no museo MARCO de Vigo, Geo Políticas en LABoral Centro de Arte de Gijón e corpo-realidad en CS-LAB da Zokei Unicersity Tokyo.

Esta intervención poderá visitarse de martes a domingo de 16.30 a 20.30h, até o 1 de febreiro de 2015. A entrada é libre.

Compartir: