CULTURA

A lendaria cantante Joan Baez actuará o próximo 28 de marzo en Compostela dentro do ciclo Sons’15

16/12/2014 Será a súa primeira actuación na nosa cidade e nela repasará todos os seus clásicos nun repertorio que fascinou a varias xeracións. As entradas, de 38 a 42 euros, estarán á venta a partir de mañá, mércores 17 de decembro, en Servinova e Abanca ou de xeito presencial en A Reixa Tenda e a billeteira do Teatro Principal.

A concelleira de Cultura, María Antón, e David Lago, de Sweet Nocturna, presentaron esta mañá o concerto que dará Joan Baez en Compostela dentro do ciclo Sons’15. Será o vindeiro 28 de marzo no Palacio de Congresos ás 21.30h. As entradas terán un prezo de entre 38 e 42 euros e estarán á venta a partir de mañá, mércores 17, por internet ou teléfono en Servinova ou Abanca así como de xeito presencial en A Reixa Tenda ou no despacho de billetes do Teatro Principal. Nos vindeiros días presentarase a programación completa de Sons’15 para o primeiro semestre.

A cantante estadounidense de música folk Joan Baez é coñecida como "A raíña da canción protesta" ou "a madriña do folk". Recibiu innumerables premios e recoñecementos (oito discos de Ouro, Grammy honorífico pola súa traxectoria xunto a outros sete nomeamentos, o International Achievement Award, etc…) por unha carreira sólida e coherente. Caracterizada por unha voz potente, aguda, próxima á dunha soprano, Joan Baez é a máxima figura da canción protesta xurdida nos anos sesenta, á calor da Guerra de Vietnam. O seu repertorio, non entanto, abarca tamén o puramente tradicional, o country e o pop-rock.

Que podemos dicir dela? Falamos dun personaxe histórico, que compartiu primeira liña nunha manifestación con Martin Luther King, inspirou a Vaklav Havel, amiga de Nelson Mandela, loitadora infatigable polos dereitos humanos (seu foi o primeiro tour que Amnistía Internacional organizou con fins benéficos) e un longo etcétera.

A súa carreira comeza en Boston, onde conseguiu unha gran repercusión coa súa actuación no Newport Folk Festival de 1959. Como resultado diso, gravou o seu disco de debut en outubro de 1960, titulado só co seu nome para a compañía Vanguard. Composto por 13 cancións tradicionais, algunhas delas baladas infantís, as súas versións resultaron co tempo case canónicas.

Entre 1962 e 1964, Baez foi o rostro popular da música folk, sendo a estrela de festivais e xiras e cantando en actos políticos, entre os que se inclúen a Marcha sobre Washington de 1963 polos dereitos civís. Durante este período, empezou a estudar o traballo de Bob Dylan e, paulatinamente, o seu repertorio desprazouse do material tradicional ao de tipo socialmente comprometido, en consonancia coa emerxente xeración de artistas dos anos sesenta. Viviu con Bob Dylan entre 1963 e 1965 e xuntos gañáronse o título do Rei e a Raíña da Canción de Protesta. Loitou en contra da guerra de Vietnam e a favor dos dereitos civís.

Como outros intérpretes de folk, Baez viuse influenciada pola aparición dos Beatles en Estados Unidos e polo folk-rock de Dylan. Como consecuencia diso, aumentou o seu instrumental, que até o momento baseábase unicamente na súa guitarra acústica, chegando a usar unha orquestra enteira en Joan (1967). Continuou experimentando a finais dos sesenta, como se comproba en discos como Baptism (1968), no que recita poesía, e en Any Day Now (1968), un dobre disco de cancións de Dylan con ambiente de country.

A finais dos sesenta e principios dos setenta, Baez centrouse no pop-rock e empezou a escribir as súas propias cancións, o que culminou no superventas Diamonds & Rust (1975), que foi seguido polo enteiramente escrito por ela Gulf Winds (1976). Gravou varios discos para diversas compañías e, en 1993, Vanguard realizou Rare, Live & Classic, un triplo disco de retrospectiva.

O seu último álbum foi Day After Tomorrow, a súa primeira gravación en estudo despois de cinco anos de silencio. Joan traballou co produtor Steve Earle e unha veterana banda de Bluegrass que inclúe a Tim O’Brien e Darryl Scott, así como Viktor Krauss e Kenny Malone. O álbum ofrece tres cancións escritas por Steve Earle e colaboracións con Tom Waits ou Diana Jones.

Na súa xira mundial en 2009-2010, na que celebrou o seu 50º aniversario desde os seus inicios no seu famoso show do Newport Folk Festival, Joan Baez visitou Vigo tras máis de 30 anos sen actuar en Galicia e deixando un concerto memorable coas entradas esgotadas. En 2015 por fin volve aos escenarios españois e poderemos gozar da súa voz e o seu carisma por primeira vez en Santiago de Compostela.

Compartir: