CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais acolle unha exposición de instrumentos de vento fabricados en España nos últimos 30 anos

15/12/2014 A mostra, que reúne diferentes modelos de trompetas, trombóns e trompas, poderá visitarse este mércores.

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, acolle este mércores, 17 de decembro, unha exposición de instrumentos musicais. Trátase dunha mostra de instrumentos de vento-metal, en particular de diferentes modelos de trompetas, trombóns e trompas que fabrica a familia Stomvi en Valencia dende fai trinta anos e que este ano celebra o seu 30 aniversario.

A exposición organízase con motivo da presenza esta semana na Escola do trompetista David Llavata, solista da Orquesta Filarmónica de Málaga, que toca unha trompeta da marca Stomvi. O músico imparte dende o martes ata o xoves unha serie de clases maxistrais no centro, tanto para os alumnos como para músicos interesados en mellorar a súa formación neste intrumento. Para os alumnos externos, as sesións terán lugar de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 20:00 horas polas tardes, agás o mércores 17, que a clase da tarde comezará ás 16:00 horas.

Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

A familia Stomvi, dedicada nas súas orixes á xoiería, céntrase dende fai tres décadas á fabricación artesanal de instrumentos musicais de vento-metal. A firma caracterízase por conseguir as mellores afinacións e por ser capaz de plasmar nos seus instrumentos as necesidades dos intérpretes máis prestixiosos. O centro de fabricación está situado na cidade valenciana de Xirivella.

Nas súas fábricas convive a tecnoloxía máis sofisticada coas mans artesáns de homes de mulleres, todos eles procedentes da fabricación de xoias. Os instrumentos fabrícanse con ouro de 24 quilates e prata fina. Nos seus talleres tamén reparan trompetas, trombóns, trompas e tubas; ao tempo que restauran instrumentos antigos.

Compartir: