TURISMO

Agosto confirma o bo momento do turismo en Compostela e o peso cada vez maior dos visitantes estranxeiros

07/09/2006 Compostela está a rexistrar un verán "excelente" dende o punto de vista turístico, segundo indicou o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, na presentación dos datos correspondentes ao mes de agosto. A presenza estranxeira ten cada vez máis peso, como o demostra o feito de que, no pasado mes, os turistas doutros países representaron un 37% do total, fronte ao 31% do mesmo período en 2004. En liñas xerais, agosto volveu a deixar resultados satisfactorios tanto no número de consultas como no de pernoctacións.

Para Candela, estes datos veñen a confirmar unha tendencia alcista que vén xa dende 2005, motivada fundamentalmente polo aumento da oferta turística de Santiago, que se traduce en máis prazas hoteleiras, en novos establecementos de restauración, en máis transportes e mesmo na consolidación de novos tipos de profesións. "O turismo –dixo- é cada vez máis un motor de desenvolvemento económico e de creación de emprego en Compostela".

As consultas na oficina de Turismo da Rúa do Vilar incrementáronse nun 12,25% respecto ao mes de agosto de 2005, ata alcanzar as 35.359. O maior incremento rexistrouse no número de consultas de turistas estranxeiros, con 13.106, un 22,5% máis. Tamén medraron en menor medida os visitantes españois, cun 5,8%. Madrid continúa a ser a principal comunidade emisora de turismo (17% do total español), seguida de Cataluña (16,1%), Andalucía (12,5%), Comunidade Valenciana (9,3%) e País Vasco (8,8%). En canto ao estranxeiro, os países de orixe principais son, por esta orde, Italia (20,5%), Francia (16%), Alemaña (11%), Reino Unido (7,3%) e Portugal (7,1%).

A ocupación hoteleira no mes de agosto foi do 80,87%, fronte ao 81,60% do mesmo período do ano pasado. Os establecementos de tres, catro e cinco estrelas mantiveron a súa tendencia á alza (un 82,3% de ocupación), mentres que houbo un pequeno decrecemento da ocupación nos hoteis de menor categoría. Candela recordou que o número de prazas hoteleiras de maior categoría se incrementou en 628 dende agosto do pasado ano e que o número de pernoctacións medrou un 18%.

En canto ao aeroporto de Lavacolla, este segue medrando. En agosto rexistrouse un tráfico de 200.725 viaxeiros e, no que vai de ano, xa pasaron 1.317.878 pasaxeiros, o que sitúa o crecemento medio nun 8,5%. O concelleiro de Turismo lembrou que nos vindeiros meses se agardan novos datos positivos, coa entrada en funcionamento dos voos de Vueling a Madrid e París, co reforzamento da conexión con Baleares de Air Berlín e co novo voo de Ryanair a Liverpool.

Compartir: