ALCALDÍA

O alcalde de Santiago de Compostela convida aos cidadáns a doar sangue na campaña "Nadal 2014" promovida polo Centro de Transfusión de Galicia

16/12/2014 As unidades móbiles do CTG visitarán ao redor de 130 concellos galegos entre a segunda quincena do mes de decembro e a primeira de xaneiro, para aumentar a participación dos doadores e doadoras

O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández Fernández de Rojas, doou sangue esta mañá nas instalacións do Centro de Transfusión de Galicia (CTG). Esta visita enmárcase dentro da campaña "Nadal 2014", que desenvolve a Consellería de Sanidade, por medio do CTG, e que abrangue os meses de decembro e xaneiro, en previsión dun aumento das necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos.

Co seu xesto solidario, o alcalde santiagués tenta lembrar a importancia da colaboración da cidadanía nas campañas de doazón, xa que, cada día, son precisas 500 doazóns para permitir o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos centros sanitarios galegos. Así mesmo, Agustín Hernández convidou aos cidadáns a doar sangue nas vindeiras semanas, xa que a coincidencia de múltiples datas festivas, as inclemencias meteorolóxicas propias deste período do ano e o incremento das urxencias derivadas dos accidentes por estrada, fan preciso garantir un axeitado volume de doazóns de sangue na recta final do ano.

Desprazamentos
As dez unidades móbiles do CTG visitarán, ao longo das vindeiras catro semanas, ao redor de 130 concellos galegos para acadar a participación necesaria para garantir o desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios galegos.

O CTG agarda novamente contar coa participación dos cidadáns nesta campaña de doazón de sangue e, para iso, tenta ofrecer as máximas facilidades aos cidadáns, mediante o desprazamento de dez unidades móbiles que, no transcurso desta primeira semana da campaña "Nadal 2014", teñen previsto realizar os desprazamentos que se poden ver na información adxunta. Ademais, tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas.

Doar: moi sinxelo
Pode doar sangue calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C,...). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.

Para máis información, o CTG dispón da páxina web: ctg.sergas.es e tamén é posible chamar ao teléfono gratuíto para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles: 900 100 828

Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.

Poden ser doadores de medula ósea, persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.

Documentos relacionados



Compartir: