XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o convenio para a a execución do aparcadoiro de Pontepedriña.

12/12/2014 A Xunta de Goberno aprobou o texto do convenio a subscribir coa Axencia Galega de Infraestruturas para a construción do aparcamento disuadorio de Pontepedriña.

Este novo avance na tramitación desta obra suporá a formalización da posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para a actuación, logo de que o ADIF acordara a concesión demanial a título gratuíto a favor do concello dos terreos situados baixo o viaduto ferroviario.

O convenio que se prevé subscribir nos vindeiros días, porá a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas a totalidade dos terreos necesarios, tanto os cedidos polo ADIF como os propios de titularidade municipal, incluíndo unha franxa de 981 m2 que pertence a ADIF e que o Concello ten previsto expropiar por un valor de 2.046 euros.

Os terreos serán postos a disposición da Xunta libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado para a execución das obras.

O concello asumirá a titularidade das obras realizadas e efectuará as adaptacións precisas na rede de transporet urbano para optimizar a función deste aparcamento disuasorio.

O orzamento de execución das obras, que serán financiadas integramente pola citada Axencia autonómica a través dos fondos europeos do programa FEDER, estímase en 743.293 euros.
A parcela na que se desenvolverá o aparcadoiro permitirá habilitar mais de 200 prazas de aparcamento, entre vehículos lixeiros (182) e motocicletas (26).

O deseño do aparcadoiro disuasorio está formado por dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa escultor Camilo Otero, á que dan acceso ambas as dúas partes.

Asemade proxéctase un valo de seguridade ao longo de todo o viaduto do tren, como elemento de protección, que evite as caídas de balastro procedentes das vías férreas sobre a zona do aparcadoiro.

O sistema de drenaxe realizarase mediante unha rede de colectores con sumidoiros e pozos, a cal conectará nun punto coa rede colectora principal.

Tamén se instalará unha rede de rego automática ao longo de toda a zona de verde con difusores e aspersores. Contará así mesmo cun sistema de iluminación do aparcadoiro, mediante luminarias.

Axudas para actividades económicas

A xunta de goberno de hoxe tamén aprobou a concesión das axudas do programa para actividades económicas no ano 2014 "santiago investors support".

O obxecto da convocatoria que rexe este programa vai dirixido a incentivar a creación de novas empresas en Santiago de Compostela a través da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas ao fomento do autoemprego, para a creación de novas empresas ou iniciando actividade baixo o réxime de traballadores autónomos no ámbito do Concello de Santiago.

A iniciativa conta cun orzamento de 25.000 euros dos que hoxe se aprobou a súa distribución de acordo ao establecido pola Comisión avaliadora para o seu reparto entre os proxectos presentados e que cumprían os requisitos recollidos para a sua concesión.

A Comisión resolveu conceder un total de 8 subvencións para a realización de diversos proxectos.

Así, a primeira delas foille concedida a WAYNA CONSULTORA S.L. por un importe de 3.984 euros, co que financiará un proxecto no que o obxectivo fundamental é o de crear e consolidar un espazo de encontro e colaboración no que participen activamente as empresas e persoas emprendedoras de Galicia.

Outro dos proxectos que contará cunha achega de 3.768 euros é o COMPOSTWEETS, IV Edición de Social Media de Galicia no 2014. Este evento foi proposto polo GRUPO DE COMUNICACIÓN E DISEÑO LÚDICA 7 S.L .

O obxectivo deste Programa é o de seguir facendo a rede de contactos, o Networking, e de coñecer as distintas propostas empresariais que se están a facer arredor do Camiño de Santiago no eido Social Media e nas novas tecnoloxías.

O terceiro proxecto merecedor da axuda foi o da ASOCIACIÓN MARINEDA DE JÓVENES EMPRESARIOS DA CORUÑA que recibirá unha axuda de 3.209 euros, polo Programa #LANZATEAEMPRENDER, co que se pretende que persoas emprendedoras ou con ánimo emprendedor convertan unha idea nunha empresa de futuro.

Este proxecto busca entre outras cousas que se entenda a importancia dun bo deseño da estratexia empresarial ou a importancia da comunicación.

En cuarto lugar e cunha axuda de 3.044 euros foi seleccionado o I Campus de Networker que desenvolveu a empresa SOLVENCIA TÉCNICA S.L, que ten como obxectivo que os participantes obteñan a competencia xeral de axudar e xestionar os valores humanos e as súas organizacións como nodos susceptibles de intercambiar coñecemento, tanto persoal como profesional, procurando incrementar o nivel do networker como xestor de desenvolvemento social.

Xunto con estas tamén se outorgaron outras axudas para outros catro proxectos máis de Veronica Ramallal, para o proxecto FORO NEXTworking co obxecto de crear nexos para o traballo cooperativo de proximidade e que conta cunha achega de 3.026 euros. De CASA DE MODA SATURNA S.L., o proxecto IMAXINERÍA, que consiste nunha actuación formativa organizada entre as entidades económicas da cidade para poñerlles de relevancia a importancia que a imaxe ten no desenvolvemento competitivo. Este proxecto ten unha axuda de 2.774 euros.

Outro proxecto de ENXEÑO GALICIA S.L. que coa acción MEJORALIA, como se de un medicamento se tratara, pretende que sexa unha solución formativa que conteña todos os oligoelementos esenciais do talento co obxecto de provocar un mellora social a partir do desenvolvemento dos entornos corporativos gracias a capacitación dos valores humanos, cunha achega de 2.632 euros.

O derradeiro proxecto é o de CCAMINA DESARROLLO EMPRESARIAL que coa Acción FACTORIA DE ÉXITO pretende que profesionais de diferentes sectores sexan capaces de xestionar desafios do entorno cun novo nivel de motivación e confianza nas súas posibilidades. Coñercerse mellor a un mesmo e aos demais. Este programa terá unha axuda de 2.563 euros.

Outros asuntos

En rolda de prensa, o alcalde compostelán, Agustín Hernández, tamén informou doutros asuntos tratados en Xunta de Goberno como a aprobación de tres licenzas, dúas para modificación de senllas edificacións auxiliares para legalización na rúa do Sar (nº 37 e 38) e unha terceira para obras de rehabilitación e ampliación nunha edificación con destino a apartamentos turísticos na Avenida de Raxoi (nº 4), promovida por a S.L. Hortiña de Raxoi. Neste caso, a superficie útil é de 330 m2 e estará destinada a 6 apartamentos turísticos, cunha ocupación máxima de 20 persoas. A actuación proposta ten un orzamento de execución material de 332.923 euros.

Tamén acordouse iniciar o expediente de caducidade de dúas licenzas outorgadas (a construciones Ruafer) para a construción de outros tantos edificios no SUNP-14 de Tras do Paxonal, por ter transcorrido amplamente os prazos fixados para a execución das obras. As licenzas ían destinadas a un edificio de 64 vivendas e a outro de 32, incluíndo locais, garaxes e trasteiros.

Canto á zona de San Lázaro, aprobouse o proxecto reformado da urbanización da zona de contacto entre o SUNP-6 e o PERI-6 e o seu sometemento ao trámite de información pública por un período de 20 días como paso previo á incorporación das modificacións no estudo de detalle dese ámbito e a súa aprobación definitiva polo Pleno Municipal.

Tamén acordouse iniciar o expediente de expropiación para obter os terreos precisos que permitan a instalación dun ascensor e se resolveron 83 solicitudes presentadas para a obtención de beneficios fiscais, 63 relativas a plusvalías de terreos de natureza urbana, 11 en relación con vehículos de tracción mecánica e 9 ao imposto sobre bens inmobles.

Documentos relacionados



Compartir: