TURISMO

A caza, o marisco e os escumosos galegos, protagonistas da primeira xornada de Compostela Gastronómica Nadal

11/12/2014 Arrancou a edición especial de Nadal de Compostela Gastronómica, unha iniciativa do Concello de Santiago que se desenvolverá na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos ata o sábado 13 de decembro. Na súa xornada inaugural, Compostela Gastronómica celebrou tres dos doce obradoiros que compoñen o programa dirixido a público adulto, tanto profesionais coma afeccionados, e cuxo eixo temático é a gastronomía do Nadal.

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández asistiu ao obradoiro Cociña con caza, a cargo de Abraham García, chef do programa Cocina de caza, de Canal Cocina e cunha traxectoria profesional de máis de 30 anos á fronte do prestixioso restaurante Viridiana de Madrid. Este carismático chef amosou aos participantes como elaborar tres suxestivas receitas, perfectas para as comidas e ceas de Nadal: Tartar de cervo ao whisky de Bourbon en tortilla mexicana, Xenuína cabeza de xabaril con ensalada de reineta de Ourense aderezada con iogur grego e Canelóns de caza de pluma (perdiz, pomba torcaza, cerceta) con trufas e foie gratinados ao queixo de Mahón.

A continuación, desenvolveuse o obradoiro Pratos con sabor a mar: Curiosidades sobre o marisco, no que se empregaron centolas, vieiras, zamburiñas, ameixas, berberechos, navallas, lumbrigantes e percebes. A sesión dividiuse en dúas partes: na primeira, María José Caamaño, propietaria de Mariscos Carlos no Mercado de Abastos de Santiago, falou sobre a temporalidade do marisco e as mellores épocas para consumir e comercializar cada especie, así como a forma de recoñecer o verdadeiro produto galego. Carlos García Neira, profesor do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, ocupouse a continuación das técnicas de cocción tradicional e mostrou algunha receita con vieira ou navalla, ademais de ofrecer consellos sobre o seu correcto empratado.

Finalmente, a sumiller Eva Pizarro, do restaurante Acio, impartiu un obradoiro pensado para público xeral, sen necesidade de coñecementos previos no mundo da cata. Nel ofreceuse un primeiro contacto cos escumosos galegos, para mostrar a versatilidade e grandes posibilidades deste tipo de viño, que non é só axeitado para a época do Nadal senón tamén para cócteles e aperitivos en calquera momento do ano. Tras unha cata por zonas e variedade de uva, realizouse unha simulación da final de La Nariz de Oro, prestixioso certame no que Eva Pizarro competiu en varias ocasións, para que os participantes se sentiran sumilleres por un día identificando os viños a través do olfacto. No obradoiro empregáronse os seguintes viños: Brinde de Rosas, de Bodegas Roandi, e Chris, de Bodegas Fragamoura, ambos os dous D.O. Valdeorras; Eidosela Burbujas del Atlántico, de Bodegas Eidosela; Señorío de Rubiós, de Bodegas Coto Redondo; e O Do Avo Marcelo, de Bodegas Habelas Hailas, todos eles D.O. Rías Baixas.

Compostela Gastronómica é un evento que naceu o pasado mes de setembro para promocionar a cidade de Santiago como destino gastronómico. O obxectivo desta nova iniciativa é consolidar a marca ‘Compostela Gastronómica’ a través dun evento que continúa coa liña marcada na primeira edición, centrando os seus contidos nos produtos galegos e nos cociñeiros e profesionais do sector da cidade.

Compartir: