ALCALDÍA

O alcalde afirma que coa posta en servizo do colector do Sar se poderá falar "dun antes e dun despois na calidade ambiental do río"

11/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, asinaron en Raxoi un convenio para a finalización das obras de saneamento do río Sar e a posterior xestión, mantemento e conservación das instalacións. Posteriormente, visitaron un tramo do colector do Sar.

Segundo explicou Agustín Hernández, o convenio ten como obxectivo, por unha parte, rematar as obras de mellora do saneamento do Sar por medio dunha serie de actuacións que posibilitarán a posta en servizo da nova rede. Ademais, formaliza a encomenda de xestión deste novo sistema de saneamento do río Sar ao Concello de Santiago, que se encargará da explotación, mantemento e conservación de todas as actuacións acometidas con este fin.

"Estamos xa na fase final para poder rematar e poñer en servizo todo o sistema do colector-interceptor do río Sar, un conxunto de obras que suman preto de 40 millóns de euros, e que vai supoñer, xunto coa nova depuradora de Santiago, a mellora ambiental mais importante e ambiciosa na historia de Santiago", dixo. Na súa opinión, "incluso antes de que remate a nova depuradora, só coa posta en servizo do novo colector, poderá falarse dun antes e un despois na calidade ambiental do río Sar".

Agustín Hernández lembrou que se trata da completa substitución da rede de saneamento existente (con tubaxe en mal estado e sen capacidade para transportar augas residuais) por unha rede unitaria que recollerá todos os vertidos a alivios que actualmente acaban no río, para transportalos á depuradora, actualmente a da Silvouta e, unha vez rematada, á do Souto.

Da dimensión da actuación falan os máis de 18 quilómetros de tubaxe do interceptor e dos colectores construídos entre a Ponte de San Lázaro e a Silvouta, ou a execución de 11 aliviadoiros con capacidade de retención de 4.577 metros cúbicos. A isto hai que sumar un disipador de enerxía entre a zona do Cancelón e a Colexiata do Sar para o control e regulación das augas pluviais e a redución do risco de inundacións.

Situación actual
Tal como explicou o alcalde, nestes momentos xa está rematado e posto en servizo parcialmente o tramo do colector entre Pontepedriña e Ponte San Lázaro. O convenio asinado permitirá precisamente a execución das obras necesarias para a posta en servizo de todo o tramo, coa conexión en 20 puntos dos colectores executados á rede existente. Tamén se inclúe a posta a punto dos aliviadoiros executados e a ampliación do colector secundario de Pontepedriña.

O investimento total destas obras finais, que financiará a Confederación, ascende a 750.000 euros, cun prazo de execución de tres meses.

Ademais, lembrou que segue en execución o treito entre Pontepedriña e a EDAR da Silvouta, cuxa finalización está prevista o vindeiro ano 2015.

Todas estas actuacións –insistiu Agustín Hernández, constitúen a "obra de saneamento máis importante xamais executada en Santiago de Compostela, e vai permitir que o Sar, o río emblemático da nosa cidade, pase de estar na lista dos ríos contaminados a estar na dos mais coidados e limpos, tamén grazas aos labores de limpeza e roza que desenvolve todos os anos o Concello.

Compartir: