ALCALDÍA

Concello e Xunta reactivan a oferta de vivenda pública en Santiago coa construción de 36 vivendas en Lamas de Abade

10/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a construción de 36 novas vivendas de promoción pública en Lamas de Abade, activando así de novo a promoción de vivenda protexida na cidade. O proxecto urbanístico permitirá mobilizar un investimento de preto de 8 millóns de euros. Así o indicou tras unha xuntanza mantida coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que tamén participaron a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.

Esta actuación permitirá retomar a construción de vivenda protexida na cidade, onde existe na actualidade unha lista de espera de case 600 persoas que desexan acceder a este tipo de vivenda.

A esta demanda súmase o feito da paralización dende hai anos do proxecto de vivenda protexida de aluguer previsto na rúa Xoán XXIII. Tal como apuntou Agustín Hernández, esta parcela, emprazada na esquina coa rúa Costa Nova de Arriba, de máis de 1.603 metros cadrados, leva décadas baleira.

Para dar resposta a esta demanda e para desbloquear a paralización da parcela de Xoán XXIII, o Concello propuxo unha fórmula consistente na permuta da mesma polas que o IGVS xa ten en propiedade en Lamas de Abade a través dun concurso público.

O adxudicatario do concurso, como contraprestación pola devandita parcela de Xoán XXIII, que pasará a ser destinada a vivenda libre, deberá construír dous edificios, cun total de 36 de vivendas (12 + 24 vivendas) de promoción pública nas parcelas que o IGVS ten no SUNP 12 de Lamas do Abade, sen custo algún para a Administración.

Apuntou o alcalde que o concurso establecerá que estas 36 vivendas estean dispoñibles nun máximo de 30 meses. O adxudicatario do mesmo deberá ter concluídos estes dous inmobles de vivenda pública en Lamas de Abade antes de realizar calquera actuación na parcela de Xoán XXIII.

"Con esta proposta daremos un paso importante para retomar a construción de vivenda protexida en Santiago de Compostela", insistiu o alcalde, quen tamén recalcou que suporá a mobilización de preto de 8 millóns de euros.

Compartir: