ALCALDÍA

O alcalde analizou co presidente da CEG a situación do tecido empresarial de Santiago

09/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, reuniuse co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño. No encontro analizaron a situación de Santiago en relación ao seu tecido empresarial e o seu mercado laboral. Tamén se abordou o estado de infraestruturas como o acceso ao Polígono do Tambre ou a variante de Aradas.

Tanto Agustín Hernández como José Manuel Fernández Alvariño cualificaron de positiva a evolución dos datos do paro na cidade tanto en novembro como no conxunto do ano. En calquera caso, indicou o alcalde, "sendo positiva, non é aínda suficiente para rachar cunhas cifras que indican que en Santiago hai algo máis de 8.000 persoas desempregadas". De aí a necesidade, dixo, de seguir traballando en políticas que conduzan á redución do desemprego.

Sobre esta cuestión, o presidente dos empresarios galegos expresou a súa confianza en que o crecemento económico permita xerar emprego en 2015. E en relación as Santiago, ademais de valorar a evolución das cifras de ocupación, resaltou o papel da cidade como "centro neurálxico cada vez máis emerxente" do turismo, que se pode traducir nun incremento do PIB.

Agustín Hernández tamén informou a José Manuel Fernández Alvariño da situación de infraestruturas como a duplicación do acceso ao polígono do Tambre dende a N-550, obra a piques de saír a licitación. Do mesmo xeito, segue avanzando a tramitación da variante de Aradas, outra infraestrutura que conectará directamente a superficie empresarial coa estrada a Carballo.

Compartir: