TURISMO

Compostela Gastronómica Nadal celebrará 12 obradoiros para afeccionados á cociña

08/12/2014 A edición especial de Nadal de Compostela Gastronómica, unha iniciativa do Concello de Santiago que se celebrará do 11 ao 13 de decembro, incluirá entre as súas actividades un ciclo de 12 obradoiros dirixidos a público adulto e cun eixo común: a temática do Nadal.

Os afeccionados á cociña, e tamén aqueles interesados na arte de ser un bo anfitrión, poderán aprender as técnicas e os segredos de profesionais tan recoñecidos como Abraham García, xefe de cociña do restaurante madrileño Viridiana, un dos máis prestixiosos da capital; a australiana Sarah Stothart, especializada en repostería e cociña exótica; a sumiller Eva Pizarro; o experto en coctelería Diego Mosquera ou o panadeiro artesán Guillermo Moscoso, entre moitos outros.

O xoves 11 de decembro, Abraham García, un chef con máis de 30 anos de traxectoria profesional á fronte do restaurante Viridiana de Madrid, impartirá Cociña con caza, un obradoiro de cociña no que preparará algunhas das súas receitas máis persoais baseadas na caza, pratos cheos de sabores rotundos.

Esa mesma tarde, Carlos Neira, profesor do Centro Superior de Hostelaría de Santiago, e María José Caamaño, propietaria de Mariscos Carlos no Mercado de Abastos, serán os encargados do obradoiro Pratos con sabor a mar: curiosidades sobre o marisco, no que falarán, entre outros aspectos, sobre como recoñecer o produto galego, as mellores técnicas para cocelo e como abrilo e dispoñelo para a súa presentación.

Para pechar a primeira xornada, a sumiller e propietaria do restaurante Acio de Santiago, Eva Pizarro, finalista en varias edicións do certame La Nariz de Oro e propietaria dunha das mellores adegas de Santiago, protagonizará unha cata guiada de escumosos galegos.

O venres 12 de decembro, a chef australiana Sarah Stothart impartirá As cores dun doce Nadal, un obradoiro no que amosará como elaborar unha Pavlova e galletas tradicionais de Nadal.

Cócteles para brindar, esa mesma tarde, é a proposta do recoñecido barman Diego Mosquera, na que amosará como sorprender aos nosos convidados nestas festas preparando o tradicional ponche de Nadal e outros moitos cócteles.

O sábado 13 de decembro, o chef Alberto Lareo, do restaurante Manso, recupera a tradición galega de preparar en Nadal un produto tan autóctono, saudable e de incomparable sabor coma o Galo de Curral, que presidiu durante décadas as mesas dos señoríos de Galicia nas festas máis sinaladas.

Novos sabores para a mesa tradicional, impartido tamén pola australiana Sarah Stothart, presentará comida de celebración ao estilo Yum Char de Asia, con pequenos bocados visualmente moi atractivos e máis sinxelos de elaborar do que parecen.

Manel Oliveira, chef da compostelá Tapería Castelao, amosará en Castañas, alternativa ao turrón as posibilidades deste produto tan autóctono, como sacarlle partido e preparar con el diferentes sobremesas.

Marian Rodríguez, cociñeira e experta nutricionista, instruirá aos asistentes en Nadal e cociña saudable sobre como preparar unha cea de Noiteboa e unha comida de Nadal máis lixeiras e saudables que as habituais.

No obradoiro Detalles decorativos handmade, o xerente do restaurante A Curtidoría, Borja Portals, amosará as interesantes creacións que poden realizarse con materiais sinxelos e un pouco de imaxinación para crear o escenario perfecto dunha velada inmellorable.

Luisa Lorenzo, directora do Hotel Spa Relais & Chateaux A Quinta da Auga, ensinará en Viste a túa mesa de festa como preparar e vestir a mesa para as comidas e cenas especiais de Nadal.

O gañador do Premio Nacional de Gastronomía "Mellor Maitre 2012", Nacho Costoya, xunto coa Bodeguilla de Santa Marta, falará sobre como sorprender e harmonizar comida e bebida nun menú de Nadal no obradoiro A sutil arte da maridaxe.

Para rematar, o panadeiro artesán Guillermo Moscoso, da Panadería Moure, ofrecerá un obradoiro de elaboración artesanal dun dos produtos máis característicos das festas do Nadal: o turrón.

Compostela Gastronómica é un evento que naceu o pasado mes de setembro para promocionar a cidade de Santiago como destino gastronómico. O obxectivo desta nova iniciativa é consolidar a marca Compostela Gastronómica a través dun evento que continúa coa liña marcada na primeira edición, centrando os seus contidos nos produtos galegos e nos cociñeiros da cidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: