CONSORCIO

Comezan as obras na igrexa de San Agustín, centradas na limpeza da fachada e na eliminación das humidades

05/12/2014 A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de iniciar as obras na igrexa de San Agustín, centradas na limpeza da súa fachada. Os traballos, adxudicados á empresa TRYCSA, poderían estar rematados en tres meses. O orzamento global da intervención ascende aos 49.292,40 euros.

Tal como indica o arquitecto do Consorcio responsable desta obra, Pablo Tomé, "con este proxecto preténdese, ademais da limpeza da vexetación, revisar o estado da pedra e prever posibles caídas de material á rúa". Nesta fase abordaranse, en particular, os problemas de crecemento de plantas e de entrada de auga a través das xuntas da pedra da fachada.

"En xeral o estado da pedra é bo. Aparentemente apenas hai perdas de material, tan só se detectan pequenas faltas nalgunha cornixa. A fábrica é de boa factura e non se perciben tampouco fortes deformacións nin gretas. Non obstante, existen zonas, en concreto nas cornixas da fachada principal, invadidas pola vexetación e áreas colonizadas por algas, mofos e liques", explica o arquitecto.

As intervencións propostas
Entre as intervencións que se van levar a cabo na igrexa no marco deste proxecto, destaca a limpeza da fachada principal. Así mesmo, renovaranse os encintados que estean deteriorados co fin de impedir a entrada da auga no interior da fábrica. "Actuarase especialmente sobre as zonas máis intricadas dende o punto de vista volumétrico, posto que a xeometría destes elementos potencia a acumulación de restos e, polo tanto, o crecemento da flora", sinala Pablo Tomé. Prevese tamén a consolidación dos elementos que poidan ter problemas de estabilidade ou mantemento.

O rosetón da fachada sur
A principios do século XX a igrexa someteuse a unha importante reforma, dentro da cal se realizou o rosetón da fachada sur, formado por dous planos de vidro. O interior do rosetón posúe unha vidreira coas siglas da Compañía de Xesús, por ser esta a nova propietaria do inmoble. No exterior ten unha vidreira translúcida, que agora presenta importantes problemas de humidade e vai ser obxecto de intervención.

Coa renovación do enmasillado da vidreira e o novo encintado dos perpiaños da parte inferior eliminarase a humidade, moi importante na parte inferior do muro do rosetón, como se pode apreciar no interior da igrexa. A masilla dos vidros de ventilación do rosetón está moi alterada, o que se converte nun punto de entrada de auga. Para resolver este problema procederase a un enmasillado de todos os vidros e á renovación dos rexuntados para corrixir as fisuras e evitar a posible entrada de auga.

Eliminación de plantas e control de algas, mofos e liques
Respecto á eliminación de plantas, aplicarase un herbicida de baixo impacto no medio natural. E para lograr o control de algas, mofos e liques, antes de realizar a limpeza da superficie afectada, aplicarase unha disolución de biocida. A continuación limparase toda a superficie da fachada con cepillo de esparto ou serdas e auga sen presión, para non danar as xuntas nin a pedra.

Coa fachada limpa, procederase a limpar en profundidade as xuntas abertas que teñan sido invadidas por plantas e raíces. Eliminarase todo o material de aporte tanto do vento como das aves e demais colonizadores. Logo trataranse as xuntas e as gretas segundo o seu estado, co fin de asegurar que non quedan ocos polos que poida infiltrarse a auga.

Para eliminar a humidade no interior da pedra aplicarase un hidrofugante fluorado, debido á súa permeabilidade ao vapor de auga. Búscase así unha menor ou nula acumulación da auga de choiva, co propósito de retrasar a colonización por parte de mofos, algas e liques nas xuntas máis expostas.

Compartir: