COMERCIO

Xogo de pistas en Pelamios, Vista Alegre e Romaño dentro da campaña "Revive o barrio"

05/12/2014 O Concello de Santiago segue desenvolvendo a campaña Revive o barrio, dentro do proxecto Urbana Santiago Norte. Dentro deste programa, os barrios de Pelamios, Vista Alegre e Romaño serán escenario dun xogo de pistas o vindeiro sábado, 13 decembro. O lugar de reunión dos participantes será o Local Social Antón Fraguas (rúa do Bispo Peláez, 7 – baixo), con saída ás 11:30 horas. Os gañadores recibirán unha cesta de produtos adquiridos no barrio e todos os participantes que acaben o xogo serán obsequiados con vales gastronómicos para consumir no barrio.

O obxectivo principal da campaña Revive o barrio é dinamizar á poboación dos distintos barrios de Santiago de Compostela para que coñezan a oferta comercial, nalgúns casos singular, dos barrios da zona norte, obxecto do USN. Trátase de animar ao cidadán para que se achegue a estes barrios, fortalecendo o tránsito da poboación local duns barrios a outros a través do comercio.

O ano pasado por estas datas, e dentro da mesma liña de actuación realizouse a campaña No corazón do teu barrio, coa que se trataba de fomentar o consumo dos veciños no seu propio barrio e sensibilizalos do seu potencial. Neste momento, con esta nova campaña, trátase de dar a coñecer o tecido económico empresarial dos barrios do Urbana Santiago Norte ao resto da cidadanía, facendo fincapé nas súas singularidades e potencialidades, reforzando a idea de que teñen moito que amosar e que ofrecer, e fomentar así o consumo local.

A campaña organizarase entorno a tres fins de semana, dedicando cada un deles a un barrio, sendo o punto forte un xogo que se celebrará nos comercios de cada barrio o sábado correspondente. Para a realización da campaña distínguense catro grandes zonas: San Roque, Almáciga e Espírito Santo; Vite, Guadalupe e San Caetano; e Pelamios, Vista Alegre e Romaño. Aos efectos da celebración do xogo de pistas, dada a súa proximidade, nos barrios de San Roque, Almáciga e Espírito Santo haberá un único xogo conxunto, de aí que, aínda que sexan catro zonas, se realicen tres xogos en tres fins de semana, atribuíndo cada fin de semana a unha zona.

Para familias ou grupos de amigos
Despois das fins de semana de xogos dos barrios de San Roque, Almáciga e Espírito Santo, e dos de Vite, Guadalupe e San Caetano, xa celebrados, vez para o xogo de Pelamios, Vista Alegre e San Caetano, o sábado 13 de decembro. Os xogos teñen un máximo de 30 participantes, organizados en grupos de cinco persoas que deberán realizar un xogo de pistas, deixadas nos distintos establecementos do barrio. Resultará gañador o equipo que resolva todas as pistas, e como premio recibirá unha cesta con produtos adquiridos no barrio.

A actividade está dirixida prioritariamente a adultos, se ben tamén poden participar menores acompañados. Pretende ser sobre todo un xogo divertido para a familia ou grupos de amigos.

Como elemento de difusión, o elemento principal da campaña son catro guías comerciais con todos os establecementos existentes nos barrios, complementado con información adicional sobre outras actividades de interese que realizar nos mesmos, como as súas festas, un mapa orientativo e os principais monumentos, fitos culturais e patrimoniais para visitar, así como as liñas de autobús que comunican os barrios co resto da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: