ALCALDÍA

O alcalde destaca a capacidade de atracción da pista de xeo para xerar ingresos extras ao comercio e o seu positivo efecto social

05/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou a pista de patinaxe sobre o xeo do parque da Alameda. O recinto estará aberto ata o 1 de febreiro.

"Axilizamos os traballos de posta a punto para que a pista xa poida estar operativa durante toda a ponte da Constitución", indicou o alcalde a propósito dun recinto polo que, na edición pasada, pasaron mais de 17.000 patinadores e patinadoras e case 40.000 visitantes en total, "unhas cifras que agardamos se vexan incluso superadas este ano". Neste sentido, apuntou que, na anterior campaña, a pista estivera operativa algo máis de sete semanas, mentres que nesta estará en funcionamento máis de nove semanas, coa posibilidade de ampliar este período de tempo se a demanda así o aconsellara.

Ademais, salientou o efecto positivo que para a actividade económica da cidade ten nestas datas a pista de xeo. "Está calculado que os visitantes permanecen 3,5 horas de promedio no centro urbano, o que ten un efecto positivo sobre o comercio", dixo, indicando tamén que "o gasto medio por visitante está calculado entre 21 e 35 euros, o que supuxo na pasada edición un gasto de entre 800.000 e 1,3 millóns de euros no comercio da cidade". "Estamos ante unha actividade que supón unha oferta de ocio e diversión que xera ingresos extras para o comercio da cidade, ademais de ter un efecto social positivo", engadiu.

A instalación
A instalación ocupa unha superficie total de 800 metros cadrados, nas que está incluída a pista de xeo artificial de 40 x 12,5 metros (500 metros cadrados) baixo unha carpa protectora transparente con estrutura de aluminio. Tamén hai diversas zonas para maquinaria, acceso, venda de entradas ou enfermería, entre outras.

Están dispoñibles 500 pares de patíns, 50 pares infantís para nenos de ata 6 anos con dobre coitela e guantes. Para facilitar a utilización por todo tipo de públicos, tamén hai dez unidades de andadores infantís e dúas unidades para adulto, así como un trineo para discapacitados.

Horarios e prezos
A pista de xeo estará aberta nos seguintes horarios:

- Durante o período lectivo: luns a xoves, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 17:00 a 21:00 horas; venres, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 horas; sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

- Durante o período de vacacións de Nadal: luns a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

A entrada xeral por 57 minutos, con patíns incluídos, custa 7,5 euros e, sen patíns, 4,5 euros. A entrada xeral sen limitación de tempo custa 10 euros con patíns e 5,5 euros sen eles. Hai un prezo especial para as entradas dos escolares, a 4 euros. Son os mesmos prezos que no Nadal 2013.

Ademais, establecéronse modalidades de desconto, coa posibilidade de adquirir unha cartilla de 10 euros que facilita rebaixas en función do número de veces que se pase pola pista; un prezo familiar para un mínimo de 3 entradas e un bono especial para evitar colas, sen límite de tempo, por 30 euros, válido para 4 entradas.

Reservas para centros escolares
As reservas para visitas de centros escolares e grupos poden realizarse a través dos teléfonos 881 897 790 e 699 811 705, e da dirección de correo electrónico reservas@invernalia.com.

Nestes momentos xa hai 15 centros escolares con reserva, entre eles o IES Rosalía de Catro, cuxos alumnos de 1º da ESO participaron na xornada inaugural.

En marcha o programa de Nadal
Coa apertura desta pista e co acendido das luces do Nadal previsto para a tarde-noite, "poñemos en marcha o programa de actividades do Nadal en Santiago de Compostela", afirmou Agustín Hernández. Serán 450 accións lúdicas e culturais en máis de 60 localizacións por todo o concello, dirixidas a públicos diversos. "Queremos que sexa, en definitiva, un Nadal moi participativo, cunha oferta ampla e diversificada para que o espírito do Nadal chegue a todos os composteláns e a todos os que queiran visitar a nosa cidade nestas datas especiais", indicou. O esforzo do Concello neste programa ascende a preto de 300.000 euros.

Compartir: