EXPOSICIÓN

O Museo do Pobo Galego amosa os últimos cen anos de arte española a través de 55 obras

06/09/2006 A Fundación María José Jove inaugurou a exposición "Itinerarios Artísticos" no Museo do Pobo Galego de Santiago. A colección inicia así a súa andaina por Galicia nun ciclo que, durante os últimos catro meses de 2006, levaraa tamén ao Museo Provincial de Pontevedra e ao Centro Cultural da Deputación de Ourense. O acto de inauguración estivo presidido polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeo; do presidente do Padroado do Museo, Isaac Díaz Pardo; e da Presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove.

"Itinerarios Artísticos" é un proxecto aberto ao encontro artístico e á diversidade que fai un percorrido polos últimos cen anos da arte en Galicia e no resto de España, dende comezos do século XX ata as novas tendencias cara as que se encamiña a arte neste século. A mostra completarase con carteis explicativos, fotografías e outros aspectos que definan a vida dunha obra, como a súa traxectoria, cambios de composición, técnica utilizada... Así mesmo, cada un dos capítulos nos que se divide a mostra, conta cun encabezamento sobre o contexto plástico da mesma, o que contribúe ao achegamento do espectador.

A mostra, comisariada por Mercedes Rozas, está dividida en oito capítulos: "Entre o tópico e a modernidade", "Coa vangarda parisina", "Precursores dunha arte galega", "A outra arte", "Novos xestos", "Padiante que patrás non hai sitio", "Encarando o século XXI" e "Escultura".

A exposición permanecerá aberta no Museo do Pobo Galego ata o 1 de outubro. O horario de visita é de martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.

Compartir: