ALCALDÍA

Compostela acolle a reunión preparatoria do XVI Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno

06/09/2006 Responsables da área de Cooperación ao desenvolvemento e coordinadores nacionais de 22 Estados americanos e da península ibérica participan en Santiago na xuntanza preparatoria do XVI Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno, que se celebrará en novembro en Montevideo (Uruguai). Neste marco, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co Secretario Xeral Iberoamericano, Enrique Iglesias.

Tralo encontro, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción pola celebración desta xuntanza na cidade e lembrou que en América Latina hai 5.000 veciños de Santiago, unha cantidade semellante á de cidadáns desas latitudes que viven aquí. "Santiago –dixo– é unha cidade de referencia, que ten ademais a honra de que moitos dirixentes latinoamericanos teñen estudado aquí".

Na reunión preparatoria, que se desenvolverá ata o venres 8, definirase a axenda do cumio, que terá como tema fundamental a análise das migracións e o desenvolvemento. En total, participarán nestas xornadas preto de 50 viceministros e directores xerais de Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, O Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Portugal, Principado de Andorra, República Dominicana, Uruguai, Venezuela, Cuba, Paraguai, Perú, Costa Rica, Panamá e Ecuador.

Compartir: