ALCALDÍA

Parabéns do alcalde a Pedro Nimo polo triunfo no Campionato de España de Maratón e pola súa "exemplar" traxectoria

03/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu o atleta compostelán Pedro Nimo, recente gañador do Campionato de España de Maratón. Pedro Nimo fíxose co título o pasado domingo en San Sebastián, cun tempo de 2 horas, 15 minutos e 57 segundos, sumando así un novo éxito á súa destacada traxectoria atlética.

Agustín Hernández cualificou como "exemplar" a traxectoria de Pedro Nimo, dentro e fóra dos circuítos, polo seu comportamento deportivo e polo seu espírito de superación. Lembrou a súa destacada presenza no atletismo de elite, pero tamén a súa participación en carreiras populares, entre elas o Circuíto CorreSan, que dende hai tres anos organiza o Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo. El foi o gañador na categoría absoluta nas últimas dúas edicións.

Recordou igualmente a súa recente participación na Carreira Pedestre Popular, na que tivo que retirase por unha lesión cando lideraba a proba.

Ademais, o alcalde concedeulle un valor moi especial ao seu labor de estímulo e de difusión do deporte como fonte de saúde e benestar.

Na recepción, celebrada no salón nobre de Raxoi, participaron, ademais do alcalde, a concelleira de Deportes, María Corral, e os voceiros municipais socialista e nacionalista, Francisco Reyes e Rubén Cela. Todos eles foron testemuñas da sinatura de Pedro Nimo no Libro de Honra do Concello.

Compartir: