CULTURA

Il Maquinario Teatro presenta "Perplexo" dentro do Bono de Teatro Galego

02/12/2014 Os ourensáns Il Maquinario Teatro presentan en Compostela a súa segunda produción, Perplexo, unha comedia de Marius von Mayenburg. Será este mércores 3 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, dentro do ciclo Teatro & Danza.

Cres que sabes perfectamente quen es. Cres que sabes perfectamente quen son as persoas que están ao teu carón. A túa parella. O teu mellor amigo. A túa nai. Cres que sabes perfectamente o que está sucedendo ao teu redor. Cres que ti manexas a situación. Cres que sabes como é a túa vida. Cres que tes certezas. Pero as certezas neste mundo son case unha utopía. Cando toda a realidade se derruba ao noso redor, a que podemos aferrarnos?... Este é o universo de Perplexo, a segunda produción da nova compañía ourensá Il Maquinario Teatro: unha comedia do audaz Marius von Mayenburg estreada en Berlín en 2010.

As entradas soltas son a 10 euros pero saen a 7 euros se se adquiren co Bono de Teatro galego xa que se enmarca nesa promoción. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal aberto de 18.00 a 21.00h, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Compartir: