ECONOMÍA

Santiago de Compostela acolle a sexta edición de Getting Contacts en Galicia

01/12/2014 A concelleira de Economía, Reyes Leis, e Esteban Vázquez, membro do Comité de Dirección do Cluster TIC, presentaron no Pazo de Raxoi a sexta edición de Getting Contacts en Santiago, que se celebrará o vindeiro 11 de decembro no Hotel AC Palacio del Carmen. Getting Contacts ten coma obxectivos fortalecer ás empresas locais e axudar aos emprendedores que están comezando no desenvolvemento do seu proxecto, facilitando os contactos e o networking, xerando novas oportunidades de negocio e abrindo as portas a novos investimentos.

A primeira edición en Santiago de Getting Contacts celebrouse en xuño do 2012. Dende entón, máis de 645 persoas teñen participado nas cinco edicións anteriores deste encontro empresarial. A previsión de participación nesta edición é de 100 persoas dado o carácter máis sectorial do encontro, que fai unha aposta polas empresas TIC en particular, e de xeito máis xeral polas industrias creativas.

Esta aposta do Concello de Santiago polo sector TIC e polo ámbito das empresas de servizos avanzados á empresas, ten que ver coa realidade do tecido empresarial de Santiago cunha forte especialización nos ámbitos subliñados. O obxectivo xeral destes encontros comerciais e xerar unha corrente de coñecemento e cooperación entre empresas que se traduza na creación futura de proxectos de cooperación que permitan xerar espazos para fomentar o traballo en rede e mellorar a súa competitividade a partir do intercambio de experiencias que faciliten e promovan a xeración de negocio.

A organización de Getting Contacts garante que cada participante poderá entrevistarse cun mínimo de dez persoas con intereses comúns para atopar novos clientes e provedores, novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial ou atopar potenciais inversores. Isto é posible grazas a que no momento da inscrición, que é gratuíta, cóbrese un o formulario no que os participantes precisan as súas necesidades e expectativas en base ás que se determinan as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

O encontro conta como novidade nesta edición a incorporación de dous seminarios formativos que lle darán continuidade ao traballo das persoas participantes en horario de tarde. Ás 16:00 horas terá lugar o relatorio "Financiación para emprendedores e a súa análise de riscos", a cargo de Gonzalo González (director comercial Afi Gal), e ás 16:45 horas, unha demostración das posibilidades das Google Glass a cargo de Xavi Guardia (director xeral de Soft For You) pechará o evento.

Compartir: