INCENDIOS

O Concello agarda o cambio meteorolóxico para levantar o dispositivo anti-incendios

05/09/2006 Á espera de que o empeoramento do tempo permita un respiro na loita contra o lume, continúa activo o dispositivo contra os incendios do Concello de Santiago. Os servizos de Bombeiros, Protección Civil, Policía Local e Cruz Vermella, apoiados polas empresas municipais Cespa e Aquagest, seguen alerta e as reunións de coordinación continúan a celebrarse.

Este operativo contra o lume ten mobilizadas a sete patrullas da Policía Local, que están a percorrer as parroquias do termo municipal. Desempeñan tres funcións primordiais: a detección dos focos de lume, a vixilancia das zonas e a organización dos veciños. Ademais, sete unidades de bombeiros están preparadas para actuar en canto se detecte algún foco. Os efectivos divídense en tres quendas, en cada un das cales están operativas entre 30 e 35 persoas. A zona rural conta con vixilancia permanente e para facilitar a mesma dividiuse en cinco distritos.

Igualmente operativa está Protección Civil, que presta un servizo de subministro e colabora eventualmente na propia extinción das lapas. Tamén prestan apoio Cruz Vermella e as empresas Cespa, Urbaser e Aquagest, que achegan catorce operarios en cada quenda e cisternas para levar a auga a pé de monte.

A xornada do luns 4 foi resultou bastante tranquila, malia as altas temperaturas, cuxas máximas superan os 30 graos. Os axentes de bombeiros tiveron unicamente que saír para sufocar algún pequeno foco que ameazaba con reactivarse.

Compartir: