CULTURA

O tradicional maratón e o pase de "Angrois no esquecemento", o máis destacado da xornada do venres 28 en Cineuropa

27/11/2014 O máis destacable da xornada do venres 28 en Cineuropa é a celebración do tradicional maratón que, ao igual que o festival, xa vai pola súa XXVIII edición. Terá comezo ás 22:15 horas no Teatro Principal e promete máis de dez horas de bo cinema e moita intriga con filmes como (por orde de proxección): Why don’t you play in hell?, de Sion Sono; Backcountry, de Adam Macdonald; La tía Alejandra, de Arturo Ripstein; Wake in fright, de Ted Kotcheff; Goodnight mommy, de Severin Fiala e Veronika Franz; Family (A familia), de John Landis; unha obrigada película sorpresa; No way to treat a lady (Así non se trata a unha dama), de Jack Smight; e When a stranger calls (Chama un estraño), de Fred Walton.

Tamén é de salientar a estrea de Angrois no esquecemento, de Emilio Carral e Susana S. Recouso, en palabras do director de Cineuropa, José Luis Losa "o primeiro achegamento audiovisual á traxedia, sereno, reflexivo e, como non podería ser doutro xeito, reivindicativo, porque é preciso esclarecer a verdade". A proxección do documental terá lugar no CGAC ás 22:30 h, e contaremos coa presenza dos autores para a introdución e posterior debate.

Nesta xornada, haberá ademais novo pase de Lawless (Sen lei), de John Hillcoat, ás 18:00 h no Salón Teatro; e últimos de Plemya. The Tribe, de Miroslav Slaboshpitsky (Teatro Principal ás 16:30 h.); The last days on Mars, de Ruairi Robinson (Teatro Principal ás 20:30 h); e Xenia, de Panos H. Koutras (ás 20:00 h no Salón Teatro). Party Girl, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, unha das grandes triunfadoras da pasada edición de Cannes, tamén se despide do festival cunha dobre sesión, ás 18:45 h no Teatro Principal e ás 22:30 h. no Salón Teatro.

A programación no Salón Teatro completarase cunha das últimas homenaxes que Cineuropa rende a Cole Porter, Silk Stockings (A bela de Moscova), de Rouben Mamoulian (ás 16:00 h); e coa trepidante Vanishing point (Punto límite: cero), de Richard C. Sarafian (ás 00:15 h).

O CGAC tamén terá unha tarde chea de citas cinematográficas, que terán comezo ás 16:00 h cunha dobre sesión de Docs-Music, Neil Young Unplugged, de Milton lage e Beth McCarthy, e Red Rocks live. Neil young, friends & relatives, de L. A. Johnson (ás 17:15 h). E, previamente á proxección do documental sobre a traxedia de Angrois, haberá outra dobre sesión, dedicada esta vez a Nils Malmros, con Lars Ole 5 c (ás 19:30), e Drenge (Boys), ás 21:00 h.

Finalmente, no Centro Cultural Afundación haberá unha nova posibilidade de asistir aos últimos traballos de Paul Schrader (The Canyons, ás 16:30 h), Warren Beatty (Bulworth, ás 18:15 h) e Francis Ford Coppola (Twixt, ás 20:15 h).

Compartir: