TURISMO

Santiago promociona a súa gastronomía durante o Nadal cunha edición especial de Compostela Gastronómica

27/11/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi unha edición especial de Nadal de Compostela Gastronómica, evento que naceu este pasado mes de setembro para promocionar a cidade como destino gastronómico. O obxectivo é consolidar a marca Compostela Gastronómica a través dun evento que continúa coa liña marcada na primeira edición, centrando os seus contidos nos produtos galegos e nos cociñeiros da cidade.

Segundo explicou Reyes Leis, Compostela Gastronómica Nadal contará con catro grandes capítulos de actividades complementarias. O núcleo do programa desenvolverase entre o 11 e o 13 de decembro no Mercado de Abastos. Organizaranse máis de dez obradoiros para os afeccionados á cociña centrados nos produtos galegos de temporada, como a caza, o marisco ou as especialidades do Nadal.

O segundo capítulo será Compostela Gastronómica Nadal Peques, dirixido aos máis cativos. O obxectivo é que, aproveitando as vacacións do Nadal, os pequenos podan introducirse no universo da cociña, experimentando e aprendendo dun xeito divertido a importancia dunha alimentación saudable. Os obradoiros terán lugar nos sábados de Nadal, o 20 e o 27 de decembro, e o 3 de xaneiro. As inscricións para os obradoiros, tanto os dirixidos aos maiores como aos máis pequenos, pode facerse na web de Compostela Gastronómica a partires do venres 28 de novembro.

O terceiro capítulo será a participación de Compostela Gastronómica no novo Mercado da Quintana, que terá lugar entre o 12 de decembro e o 5 de xaneiro e incluirá actividades para nenos e concertos nas fins de semana. Compostela Gastronómica terá un posto no Mercado da Quintana, que os restaurantes da cidade poderán empregar para amosar as súas ofertas culinarias.

Finalmente, diferentes restaurantes da cidade ofrecerán as súas propostas gastronómicas específicas vinculadas ao produto de temporada na semana de Compostela Gastronómica Nadal. Estas propostas se comunicarán dun xeito conxunto na páxina web do evento e a través das ferramentas de Turismo de Santiago, de tal xeito que se amosará unha oferta ampla e diversa das posibilidades da cidade.

Programa de obradoiros
Cociña con caza, con Abraham García. Abraham García, chef de Viridiana, un dos restaurantes máis recoñecidos de Madrid, ofrece un obradoiro de cociña con caza no que preparará algunhas das súas receitas máis persoais, cheas de sabores rotundos.

Pratos con sabor a mar: Curiosidades sobre o marisco, con Carlos Neira e María Jose Camaño. Como se recoñece o produto galego? Como se coce correctamente? Como abrilo e dispoñelo para a súa presentación? Todo isto e moito máis neste obradoiro impartido polo chef Carlos Neira, profesor do Centro Superior de Hostalería, e María José Caamaño, praceira do Mercado de Abastos.

Compartir: