MULLER

María Corral inaugura o II Congreso Internacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero

27/11/2014 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, inaugurou o II Congreso Internacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebra na Cidade da Cultura dende este xoves ata o vindeiro sábado. Esta iniciativa, que se enmarca na conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), pretende ser ferramenta informativa e formativa útil para a loita contra a violencia sexista.

Tras sumarse á "máis contundente dos que exercen esta violencia en todas as súas manifestacións, apoiando a todas e cada unha das vítimas, recoñecendo a valentía daquelas que foron quen de por fin a unha vida de opresión e sufrimento e animando a aquelas que agardan dar un paso atrevido cara unha vida en liberdade", a concelleira contextualizou este Congreso no III Plan de Igualdade do Concello de Santiago. Na folla de ruta do mesmo, dixo, recóllese como unha das prioridades desta Administración aplicar "unha política a prol da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, establecendo, entre outros, mecanismos de coordinación cos diferentes axentes sociais e profesionais que dun xeito ou doutro interveñen en situacións de violencia de xénero".

"Este Congreso multidisciplinar está deseñado coa intención de crear un punto de encontro e un foro axeitado para a reflexión, o debate e o intercambio de coñecementos e experiencias sobre os distintos tratamentos e mecanismos de actuación fronte a calquera suposto de violencia de xénero", dixo. Tamén se pretende mellorar a formación dos axentes implicados, contribuír a progresar nos procesos de sensibilización, prevención e intervención e a afrontar con rigor os crecentes retos de futuro nesta materia.

Nesta segunda edición do Congreso darase unha visión transfronteiriza deste fenómeno social, permitindo unha reflexión sobre a influencia da educación, cultura, política e relixión nesta problemática. Abordaranse cuestión como as nova formas de comportamentos de violencia sexista a través das novas tecnoloxías, a coeducación, a intervención coas vítimas ou a presenza de estereotipos de xénero en medios de comunicación.

En palabras de María Corral, "a todos, dende a posición que nos corresponda, profesionais, cidadáns, responsables públicos, nos compete continuar traballando en conxunto para crear novos e efectivos instrumentos de loita contra as conductas de violencia de xénero, mesmo renovar os vixentes se non conclúen en eficacia real: educar en igualdade, crear unha nova masculinidade en positivo alternativa ao tradicional machismo, cambiar roles e estereotipos de xénero, transformar valores, interiorizar que consentir a primeira mostra de violencia, normalizala e cronificala é un camiño sen retorno…Son moitos frontes, certo, e o espírito deste Congreso está neste camiño de loita".

Primeira xornada
Tras o acto inaugural, iniciáronse os relatorios da primeira xornada do Congreso, comezando polo titulado "Compromisos en materia de violencia de xénero, a cargo do vogal asesor da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, Julio Arnaldo. A seguinte intervención foi de María Marcela Lagarde y de los Ríos, etnóloga, doutora e mestra en Ciencias da Antropoloxía da Universidade Nacional Autónoma de México. A xornada da mañá completábase cunha mesa redonda sobre mulleres vítimas de trata e violencia sexual.

Para a tarde estaba prevista a intervención de Heinrich Gesdschläger, psicólogo, psicoterapeuta e socio fundador de Conexus, cun relatorio sobre as estratexias de intervención cos maltratadores. Logo, vez para Miguel Ángel Arconada, filólogo e profesor de Lingua e Literatura e experto en xénero e masculinidades igualitarias, para falar sobre modelos de conduta machista; e para Marina Subirats, catedrática emérita de Socioloxía da Universidade Autónoma de Barcelona e experta en xénero e coeducación, cunha intervención sobre este último tema.

Direcciones relacionadas



Compartir: