TURISMO

Santiago xa superou en outubro o seu récord histórico de pernoctacións internacionais

26/11/2014 O turismo internacional continúa crecendo dun xeito consistente en Santiago. O ano 2014 xa é o mellor ano da historia da cidade en turismo foráneo. Malia que aínda quedan dous meses para rematar o ano, Santiago xa suma 446.915 pernoctacións internacionais entre xaneiro e outubro, segundo os datos do INE. Deste xeito, supera o anterior récord histórico anual, que se logrou o ano pasado, con 444.584 pernoctacións.

A primeira vez que a cidade superou as 400.000 pernoctacións foi no Ano Santo 2010, con 406.877. No 2011 lográronse 376.429. Dende entón comezou un período de crecemento constante, que permitiu que ano tras ano se marcara un novo máximo histórico. No 2012 esta cifra foi de 417.245. No ano 2013 lográronse 444.584. E neste 2014 superarase o obxectivo marcado dende Turismo de Santiago para todo o ano, que se situaba en 450.000.

No mes de outubro, o turismo internacional superou de novo ao turismo español. O turismo foráneo sumou 67.125 pernoctacións, que representaron un crecemento do 30,8% respecto de outubro do ano pasado. Pola súa banda, o turismo doméstico alcanzou ás 62.350 pernoctacións, cun aumento do 13,54%. Xa é o cuarto mes que o turismo internacional supera ao doméstico en 2014. Os outros meses foron maio, xuño e setembro.

En outubro houbo un total de 129.475 pernoctacións. Esta cifra representa un crecemento do 21,88% respecto de outubro do ano pasado e permite considerar a outubro como un mes de tempada alta na cidade, situándose practicamente nas mesmas cifras que o mes de xullo, cando houbo 131.548. Estes resultados foron posibles grazas a que a cidade acolleu grandes congresos, como o Womex ou o Congreso da Sociedade Española de Cardioloxía, e a mellora da conectividade internacional do Aeroporto.

No acumulado anual, Santiago supera xa o millón de pernoctacións. En concreto, suma ata outubro 1.043.507. É o terceiro mellor dato dende o ano 2005 nos primeiros dez meses do ano, só superado polo Ano Santo 2010, cando houbo 1.246.844, e o ano 2009, con 1.049.011. Estas cifras certifican a recuperación turística da cidade, que se apoia nun importante aumento do turismo internacional e nunha mellora paulatina do mercado doméstico.

Compartir: