ALCALDÍA

Agustín Hernández cualifica o protocolo para a restauración da Catedral como "unha das mellores noticias que Santiago ten recibido nas últimas décadas"

20/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou o protocolo para a restauración da Catedral de Santiago xunto co presidente do Goberno, Mariano Rajoy; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o deán-presidente do Cabido da Catedral, Segundo Pérez. Este acordo compromete unha achega de 17 millóns de euros por parte do Goberno do Estado.

"A decisión plasmada neste protocolo é unha das mellores noticias que Santiago ten recibido nas últimas décadas", indicou o alcalde tras a sinatura, tendo en conta que "a Catedral non só é un símbolo, meta do Camiño e sede dos restos do Apóstolo: é o epicentro da cidade, o seu maior recurso patrimonial e o reclamo polo cal millóns de persoas se desprazan ata aquí". Así, reiterando o gran activo turístico e económico que supón, apuntou que "é, probablemente, a referencia principal da nosa Comunidade, e unha das principais do Estado.

Lembrou que entre 2,5 e 3 millóns de turistas visitan a Catedral cada ano, dos que 1 millón son estranxeiros, "o que a converte nun dos 10 monumentos máis visitados de España, un grupo no que se encadran, entre outros, a Alhambra de Granada, a Sagrada Familia de Barcelona ou o Museo do Prado".

Sobre as necesidades do conxunto catedralicio, indicou que "precisa unha intervención estrutural de gran calado para garantir a súa pervivencia e o seu futuro". De aí a posta en marcha no ano 2009 dun Plan Director para definir as actuacións a levar a cabo, e posteriormente un Plan de Mecenado coa intención de lograr o financiamento necesario. Este Plan Director permitiu iniciar actuacións de mellora promovidas polo Consorcio de Santiago, destinando en 3 anos preto de 2,5 millóns de euros, entre elas as actuais obras nas torres da Catedral.

Non obstante, explicou o alcalde que, a pesar da participación de institucións públicas, privadas e de particulares, que permitiron activar as importantes e urxentes melloras dos últimos anos, como o Pórtico da Gloria –coa colaboración da Fundación Barrié-, a fachada do Obradoiro ou a torre da Berenguela, non existía un orzamento suficiente para abordar a totalidade das obras principais. E tampouco para completar o Plan Director, que cuantifica en 30 millóns de euros os investimentos necesarios ata o ano 2021, que é cando se celebra o vindeiro Ano Xacobeo.

Segundo Agustín Hernández, "os técnicos veñen advertindo desde hai anos, e cada paso con maior insistencia, da necesidade de realizar unha serie actuacións vitais en elementos claves do monumento como o cimborrio, as cubertas, as capelas... unha gran cantidade de elementos que sofren os efectos das goteiras e das humidades", dixo. Pero estas intervencións, engadiu, precisaban dun forte investimento e, dada a actual situación de deterioro, requirían "unha medida extraordinaria e de gran magnitude" como o protocolo asinado.

"A Catedral de Santiago merecía esta atención especial, porque é moito máis que un monumento arquitectónico único na súa variedade de estilos, xa que no seu interior conserva tamén mostras artísticas dun valor incalculable: pezas do Mestre Mateo, tapices de Goya, custodias, emblemas e retablos singulares, manuscritos de indubidable valor histórico; un tesouro que pertence a todos os galegos e as galegas".

Compartir: