CULTURA

Estrea de "Los colonos del caudillo", "Leviathan", "Turist" e "Blind" na xornada do xoves 20 en Cineuropa

19/11/2014 Este xoves haberá varias despedidas importantes en Cineuropa, pero tamén interesantes estreas. As últimas comezarán no Salón Teatro, con Los Colonos del Caudillo, que terá sesión dobre cun pase ás 16:15 e outro ás 00:15 horas. Este documental, dirixido por Lucía Palacios e Dietmar Post, narrado por Juan Diego Botto, retrata a convivencia entre os admiradores e detractores de Franco na poboación manchega de Llanos del Caudillo, un dos 300 asentamentos construídos polo Instituto Nacional de Colonización tras a Guerra Civil.

Ás 20:00 h, no Teatro Principal, proxectarase Leviathan, de Andrei Zvyagintsev. Premiada en Cannes ao mellor guión. Trátase dunha poderosa e escura película sobre unha traxedia familiar, con toques de sátira e espectacular fotografa.

Turist, de Ruben Östlund, premio do xurado na pasada edición de Cannes, proxectarase no Teatro Principal ás 22:30 h. O que comeza como unha película de catástrofes devén en traxicómico retrato da natureza humana e das convencións sociais. Dramática e divertida.

E no Salón Teatro, ás 22:45 h, exhibirase a terceira estrea da xornada, Blind, ópera prima de Eskil Vogt, que relata a historia dunha muller que busca a tranquilidade da súa casa tras quedar cega. Alí deberá enfrontarse aos medos e á soidade, e estudar novos modos de encarar a sexualidade. Foi premiada ao mellor guión en Sundance.

Este xoves será tamén a última oportunidade de asistir aos pases de Still Water, de Naomi Kawase (ás 16:00 h no Teatro Principal); Jauja, de Lisandro Alonso (Teatro Principal ás 18:00 h); The Guest, de Adam Wingard (Teatro Principal ás 00:15 h); Le Meraviglie, de Alice Rohrwacher (Salón Teatro ás 18:45 h): e Bande de Filles, de Céline Sciamma (20:45 h no Salón Teatro).

A programación do CGAC continúa centrada no ciclo Berlín, 25 anos sen muro. Exhibiranse Carlos (ás 16:00 h), un vertixinoso thriller de Olivier Assayas baseado na figura do terrorista Ilich Ramírez Sánchez, alcumado Carlos; e O silencio tras o disparo, de Volker Schlöndorff (ás 21:45 h), unha sobrecolledora narración sobre unha terrorista que decide abandonar as armas e construírse unha nova identidade.

Por último, Afundación dedicará o seu pase matinal das 12:00 h ao foco Bertrand Bonello, coa proxección da inquietante Tiresia; e ao cine do Novo Hollywood, con Nashville, de Robert Altman, e Bound for glory, de Hal Ashby, que se exhibirán ás 16:45 h e 19:30 h respectivamente.

Direcciones relacionadas



Compartir: