ALCALDÍA

O programa municipal de Nadal incorpora unha edición especial de Compostela Gastronómica, o Mercado da Quintana e unha Árbore das Ilusións na praza Roxa

19/11/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, acompañado das concelleiras de Cultura, María Antón, e de Economía, Reyes Leis, presentou o programa de Nadal, que se iniciará o 5 de decembro co acendido do alumeado. Este ano, súmanse ao calendario destas festas novas propostas, como A Árbore das Ilusións, unha edición especial de Compostela Gastronómica ou o Mercado da Quintana, entre outras.

Agustín Hernández valorou a variedade do programa, con actividades para todos os públicos, especialmente para os máis pequenos da casa. "Queremos levar o Nadal a cada recuncho de Santiago e facer de Compostela un punto de referencia destas Festas", dixo.

De aí que se involucraran todos os departamentos municipais nun programa, coordinado pola Concellería de Cultura, no que tamén participan as áreas de Economía, Xuventude, Desenvolvemento Urbano Sostible e Seguridade e Mobilidade. A isto hai que sumar a colaboración doutras institucións, como a Xunta ou a Deputación da Coruña, así como de entidades privadas e colectivos cidadáns.

Iluminación de Nadal
Aínda que a vindeira semana (24 de novembro) comezarán xa nalgúns espazos da cidade os obradoiros navideños, o 5 de decembro iniciarase o programa propiamente dito co acendido oficial das luces do Nadal. Con este fin, tal como lembrou o alcalde, os operarios levan días traballando na colocación das luces para que estean listas o día sinalado.

Sobre este alumeado, explicou, "intentamos achegar homoxeneidade en toda a cidade a través dos diferentes motivos de decoración: estrelas, arcos, farois, ademais de facer un esforzo para que as parroquias teñan tamén unha referencia lumínica. Os motivos da decoración estarán moi vinculados ao universo simbólico do Camiño de Santiago, á Vía Láctea e ás estrelas, agardando que a proposta sexa do agrado de todos". O orzamento desta iluminación achégase aos 60.000 euros.

Este Nadal non faltarán actividades tradicionais destas datas en Compostela como a pista de xeo no parque da Alameda, o Nadal dos centros socioculturais, a montaxe especial no Obradoiro (inaugurarase o 12 de decembro), o Nadal solidario, os concertos da Real Filharmonía e da Banda Municipal de Música, a música de rúa das corais, unha ampla oferta cultural para os máis cativos, a festa de fin de ano e a cabalgata dos Reis Magos.

Ilusións e agasallos
Pero este ano incorpóranse actividades novidosas, como a chamada Árbore das Ilusións. "Imos instalar na praza Roxa tres árbores de Nadal que animamos a decorar entre todos e todas, como símbolo das ilusións e desexos dos veciños e veciñas de Santiago", indicou Agustín Hernández. Sobre esta actividade, a concelleira de Cultura, María Antón, indicou que haberá ata 14 obradoiros, en diferentes espazos da cidade, para que os máis pequenos elaboren estes adornos a partir de materiais de refugallo.

Tamén serán novas as cinco esculturas de arquitectura efémera, alusivas ao Nadal, que adornarán cinco lugares especiais da cidade: praza de San Martiño Pinario, praza de Fonterrabía, praza da Pescadería Vella, praza do 8 de marzo e praza Roxa.

María Antón describiu tamén a iniciativa da Fábrica de Agasallos. A Fundación Granell albergará diversos obradoiros para nenos de entre 5 e 12 anos, que poderán crear agasallos orixinais. Tamén será un lugar para a recollida de xoguetes, libros ou outros agasallos en bo estado para doar a nenos e nenas de familias sen recursos.

Música na Rúa
Outra actividade destacada serán os concertos de Música na Rúa, coa participación dos alumnos da Escola Municipal de Música e de 13 corais da cidade. Encherán de música destas datas as prazas Roxa, do Toural e das Praterías, así como o Mercado de Abastos.

A programación cultural complétase cos concertos da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música, con diversas representacións teatrais para nenos, circo e maxia. A Cidade da Cultura e o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia tamén acollerán diversas propostas para este Nadal.

Pista de xeo e gastronomía e mercado de Nadal
Pola súa parte, a concelleira de Comercio, Reyes Leis, deu conta da celebración dunha edición especial do certame Compostela Gastronómica, centrada na gastronomía e nos produtos destas datas de Nadal. Haberá obradoiros para profesionais e ata 10 obradoiros para nenos, que neste caso se celebrarán os sábados. Todos estes talleres celebraranse na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos.

Seguindo cos mercados, a programación do Nadal incorpora a novidade do Mercado da Quintana, que estará aberto do 12 de decembro ao 5 de xaneiro. Aínda está aberto o período de inscrición neste evento, organizado polo Concello en colaboración con Turismo de Galicia. Artesáns, produtores, comerciantes e restauradores amosarán e venderán as súas creacións nun espazo no que os visitantes poderán atopar todo tipo de produtos relacionados co Nadal.

Tampouco faltará nestas datas a pista de xeo na Alameda, instalada do 6 de decembro ao 1 de febreiro. Todos os públicos terán a oportunidade de calzarse os patíns grazas a unha proposta que incluirá sesións nocturnas, xornadas para centros escolares e diversas actividade paralelas.

Actividades nos centros socioculturais e concursos
O programa de Nadal complétase coa extensa e variada programación dos centros socioculturais, con obradoiros, cine, teatro, concertos, xogos, contacontos, exposicións e moitas actividades máis.

Tamén haberá concursos, como das cartas de Nadal, ou unha nova edición do certame destinado a premiar os mellores beléns (individuais ou colectivos) e as ambientacións máis rechamantes de establecementos hostaleiros e comerciais.

A Fundación Refuxio de Animais organizará unha campaña de adopción-recollida e o Departamento de Xuventude tamén preparou dúas actividades: un campionato de futbolín e un obradoiro de cociña de Nadal.

Nadal participativo
O alcalde apuntou que o obxectivo deste programa é lograr "un Nadal moi participativo, unhas festas para todos os composteláns nas que poidan participar e das que poidan gozar todos os veciños da nosa cidade, e por suposto que sexan tamén unha referencia para toda a área de Santiago".

En total, preparáronse actividades en máis de 60 localizacións do municipio, onde se realizarán 450 accións lúdicas e culturais, dirixidas á públicos diversos. O esforzo económico do Concello neste programa de Nadal ascende a preto de 300.000 euros.

Compartir: