ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a aposta municipal pola potenciación e dinamización do comercio de proximidade

18/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á presentación da campaña , organizada polo banco SabadellGallego co obxectivo de impulsar o consumo nos comercios da cidade. 450 establecementos están adheridos a esta iniciativa, grazas á cal os usuarios poderán gañar un premio de 3.000 euros.

Agustín Hernández agradeceu ao SabadellGallego a posta en marcha desta campaña para para dinamizar e promocionar o pequeno comercio da nosa cidade. Así llo manifestou ao director rexional da entidade bancaria, Juan Moríñigo, co que o alcalde acudiu a un dos comercios participantes, Ultramarinos Cepeda.

"Cremos no comercio de Santiago porque cremos en Santiago", afirmou o rexedor municipal, sumándose así ao lema da campaña. Neste sentido, expresou o apoio municipal ao comercio de proximidade e ás iniciativas que sirvan para dinamizalo e potencialo. Así, a intención desta iniciativa é activar o crecemento económico na cidade de Santiago de Compostela e animar á xente a que frecuente os seus comercios para gozar duns servizos de proximidade e de calidade.

Os 450 establecementos adheridos á promoción ofrecerán aos seus clientes participar nun sorteo, cuxo premio será unha tarxeta regalo de 3.000 euros para cambiar nos comercios integrantes da campaña. O Banco instalou unhas urnas nestes establecementos para que os clientes poidan depositar os boletos de participación no sorteo ao facer as súas compras.

Outra acción da campaña é a distribución gratuíta, entre os clientes do Banco, de 12.000 bolsas ecolóxicas cun deseño exclusivo de Javier Mariscal, que levarán un slogan que porá en valor o comercio local. Todo isto está acompañado cunha ampla difusión publicitaria

Compartir: