CONSORCIO

Dez músicos galegos poderanse formar co prestixioso frautista alemán Jürgen Franz

17/11/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do afamado frautista alemán Jürgen Franz. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense dez prazas para músicos externos ao centro.

Para os alumnos externos, as clases celebraranse o martes 25 de novembro, pola mañá de 12:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas. O mércores 26 as sesións terán lugar pola mañá de 11:00 a 14:00 e pola tarde de 16:00 a 18:00 horas.

Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

Frauta de ouro obra do famoso lutier americano William Haynes
O músico alemán Jürgen Franz comezou os seus estudos de frauta no Conservatorio de Frankfurt e continuou a súa formación na Escola Superior de Música da mesma cidade. Logo converteuse en membro da Orquestra Filharmónica de Bielefeld e posteriormente ocupou o posto de frauta principal na Orquestra Filharmónica de Stuttgart. Dende o ano 2000 integra a Orquestra Sinfónica da Radio do Norte de Alemaña, a máis prestixiosa de Hamburgo. Ten actuado como frauta solista na Orquestra Filarmónica de La Scala di Milano, dirixido por mestres tan insignes como Rostropowitsch. Na Filharmónica de Berlín tocou con directores do prestixio de Claudio Abbado, Daniel Barenboim ou Zubin Mehta. Ten actuado en Alemaña, Suíza, Francia, nos Estados Unidos e ata en Xapón.

Na actualidade é profesor do conservatorio e da Escola Superior de Música de Hamburgo. Imparte clases maxistrais en países tan dispares como Alemaña, España, Estados Unidos, Brasil, China ou Xapón. Toca unha frauta de ouro de 19,5 quilates do famoso lutier americano William Haynes.

Compartir: