CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpreta esta semana tres sinfonías de Haydn para o público de Ferrol e Pontevedra

17/11/2014 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro, o mércores 19, no Teatro Jofre de Ferrol. O segundo, o xoves día 20, no Centro Social de Afundación en Pontevedra. Ambas citas terán lugar ás 20:30 horas, baixo a batuta do violinista principal da RFG, James Dahlgren.

Nos dous concertos, a orquestra interpretará tres sinfonías do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos principais representantes do Clasicismo, coñecido como "o pai da sinfonía" grazas á súa importante contribución a este xénero. O momento decisivo na súa carreira foi en 1761, ano que entrou ao servizo do príncipe Paul Anton Esterházy en Eisenstadt, primeiro como viceministro de capela, ocupándose enseguida de toda a vida musical na corte. Nos primeiros tempos deste período compuxo numerosas pequenas obras e as sinfonías 6, 7 e 8; que a RFG interpretará en Ferrol e Pontevedra.

Estas citas musicais comezarán coa Sinfonía nº 6 "Le matin". O título (A mañá) deriva da lenta introdución do primeiro movemento, que representa claramente a saída do sol. De seguido os músicos achegarán ao público a Sinfonía nº 7 "Le midi", que fai referencia ao mediodía. A actuación concluirá coa Sinfonía nº 8 "Le soir", a cal evoca a noite.

O dobre papel de director e concertino
"É a primeira vez que fago o papel de director-concertino, formalmente en temporada, coa Real Filharmonía de Galicia. Nalgunha ocasión fixen obras ou movementos soltos, pero nunca un programa enteiro", sinala o músico. Salienta que "para min esta experiencia como director é sempre especial. Gústame a responsabilidade artística, sobre todo cando podo colaborar cos meus marabillosos colegas da orquestra. Coñecémonos tanto despois de tantos anos, que estou seguro de que vamos a gozar deste proxecto, tendo en conta ademais a triloxía de exquisitas sinfonías de Haydn que temos diante".

En relación ao programa que vai interpretar a orquestra en Ferrol e Pontevedra, Dahlgren explica que "son as primeiras tres sinfonías que Haydn escribiu despois de chegar a Eisenstadt. Esta triloxía representa un comezo fresco e alegre dunha etapa nova na súa vida e creo que todos temos pasado por momentos así. A través da súa música podemos recoñecer a ilusión que sentiu Haydn aterrando na súa nova casa, igual que nós tamén sentimos cando viaxamos a outras terras".

James Dahlgren, dos Estados Unidos a Galicia
James Dahlgren é concertino da Real Filharmonía de Galicia dende o ano 2007. Nacido en California, estudou co prestixioso violinista Zaven Melikian no Conservatorio de San Francisco, nos Estados Unidos. Logo de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e, máis tarde, o de concertino asociado na Orquestra Cidade de Granada.

Tras chegar a Europa traballou como concertino invitado na London Philharmonic Orchestra, Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, Ulster Orchestra, New Zealand Symphony Orchestra, Orquestra Nacional do Porto, Sinfónica de Bilbao, Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orquestra do Gran Teatro do Liceo de Barcelona. É profesor invitado en agrupacións como a Joven Orquesta Nacional de España, a Jove Orquestra Nacional de Catalunya, Musikene ou a Bios Orkestra (estas últimas do País Vasco).

Foi premiado no concurso internacional de música María Canals en Barcelona e mantén unha axenda moi activa, actuando tanto como solista como en formacións de música de cámara. Na actualidade é profesor de violín na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, centro de formación vinculado á Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: