CULTURA

O Camiño Cultural Atlántico, do que forma parte Santiago, promocionarase en China

17/11/2014 O Camiño Cultural Atlántico, formado por 15 cidades españolas, francesas e portuguesas –entre elas Santiago de Compostela- acaba de asinar un convenio coa provincia china de Henan co fin de promocionar no país asiático este novo produto turístico cultural. A firma tivo lugar en Zhengzhou, dentro do International Mayor’s Forum on Tourism, foro ao que foi convidado a participar o Camiño Cultural Atlántico.

Este acordo marco de colaboración coa Oficina de Turismo de Henan, da que forman parte 18 municipios, servirá para establecer canles de promoción e intercambio a nivel turístico. Así, o convenio asinado ten por obxecto sentar as bases da colaboración entre ambas as dúas entidades para o desenvolvemento de accións que contribúan a alcanzar mellores resultados de posicionamento de marca e imaxe de ambos os dous destinos, así como o de definir canles de intercambio que beneficien a promoción conxunta, co fin de xerar sinerxías que multipliquen os resultados do esforzo promocional das partes.

A través deste, o Camiño Cultural Atlántico establecerá contactos cos turoperadores que operan na provincia de Henan para promover o Camiño como destino turístico nos soportes publicitarios dos municipios que integran esta provincia.

"Unha das particularidades do turismo chinés é o seu interese por realizar varias visitas a distintos destinos nunha mesma viaxe, cuxa duración non adoita ser especialmente longa," apuntou César Torrellas, concelleiro de cultura de Santander, cidade que na actualidade preside o Camiño Cultural Atlántico.

Por iso, o Camiño Cultural Atlántico é un produto con moitas posibilidades neste mercado, xa que concentra en menos de 2.000 quilómetros un total de 15 cidades que conforman un corredor costeiro que contan con infraestruturas, patrimonio e programacións culturais de primeiro nivel.

Torrellas, na súa calidade de presidente en funcións, participa xunto co resto dos integrantes da Comisión Permanente do Camiño Cultural Atlántico no International Mayor ´s Forum on Tourism que se celebrou en Zhengzhou, capital da citada provincia, e que reuniu a máis de 200 cidades de 35 países do mundo.

Imaxe de marca e plan de traballo
Esta mesma semana, a Comisión Permanente do Camiño Cultural Atlántico aprobou na cidade portuguesa de Braga a imaxe de marca que servirá para identificar esta iniciativa cultural e turística, a estrutura e os contidos da futura web e un programa de propostas que se desenvolverán o próximo ano nas 15 cidades que conforman este camiño.

Ao longo de 2015, o CCA poñerá en marcha as primeiras accións dentro das oito áreas de traballo distintas establecidas polas cidades que a integran: Santiago de Compostela encargarase de coordinar a área relativa ao Cine e o Audiovisual do Camiño Cultural Atlántico; Porto, das Artes Escénicas; Oviedo, da Música; A Coruña liderará a área da Literatura; Avilés, a de Cultura Tradicional; Guimaraes encargarase de difundir as Artes Plásticas; Bilbao, da promoción turística das cidades e propúxose a San Sebastián- Oporto e Burdeos como encargadas da área Cociña Atlántica.

Santander seguirá exercendo como coordinadora xeral do grupo de cidades, polo que ostentará a presidencia ata xuño de 2015, ocupando a vicepresidencia a cidade portuguesa de Guimaraes, que dará o relevo a Santander na presidencia o próximo verán.

Compartir: