DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello acomete obras de mellora da accesibilidade en 45 puntos da cidade

17/11/2014 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, acompañada do presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, presentou a primeira fase dun novo proxecto de accesibilidade urbana e eliminación de barreiras arquitectónicas en Santiago. Trátase dunha actuación que afectará a 45 puntos da cidade, entre vaos peonís, pasos de peóns e prazas de estacionamento, cun investimento previsto de 105.717 euros e un prazo de execución de dous meses.

Tal como explicou a concelleira, este proxecto xorde da colaboración entre o Concello e Cogami e pretende identificar os puntos principais puntos de cruce entre itinerarios peonís e tráfico rodado que carecen de vaos peonís ou que, téndoos, son dunha pendente excesiva ou ancho de paso reducido. Tamén se contemplaron os casos nos que existindo o vao, carece do pavimento táctil necesario para a orientación das persoas con discapacidade visual.

Outro dos aspectos observados son as prazas de estacionamento reservadas a persoas con mobilidade reducida cando carecen de espazo de aproximación e transferencia e de acceso axeitado á beirarrúa.

Vaos peonís en cruces
Segundo os casos, optouse por diferentes solucións. Así, no caso dos vaos peonís en cruces que existan como tales, con pendentes aceptables, pero sen o adecuado rebaixe, colocarase pavimento podotáctil se o vao non o ten. De non existir vao ou se este é inadecuado polas pendentes ou polo longo libre, a solución será a reforma.

En canto ao deseño, preferentemente proxectáronse vaos de tres planos con pendente máxima do 10% (D-01). Se hai elementos como morróns, papeleiras, farois, etc., no lateral realizarase un vao dun ou dous planos, deixando o elemento do bordo como sinalizador do resalte na beirarrúa (D-01 e D-02).

No caso de que a beirarrúa non sexa suficientemente ancha para que quede un percorrido peonil de 1,5 metros fóra do vao, optarase por rebaixar a beirarrúa completa ao nivel da calzada. Nestes supostos as pendentes máximas serán do 8% (D-03). Os pasos de peóns disporanse preferentemente perpendiculares á beirarrúa.

Respecto ao pavimento podotáctil de botóns, Teresa Gutiérrez explicou que se colocarán no vao en franxas de 60 centímetros ao longo da liña de encontro entre o vao e a calzada, para advertir así a proximidade desta última. O pavimento direccional disporase en franxas de 80 centímetros entre a liña de fachada e o comezo do vao peonil (D-01, D-02 e D-03).

Pasos de peóns elevados
Se debido ás dimensións do espazo público fose imposible adoptar as solucións apuntadas, a alternativa será elevar a calzada de modo que sexa esta a que alcance o nivel da beirarrúa (D-04).

Prazas de estacionamento
A concelleira anunciou tamén que, cando se proxecten prazas de aparcamento reservadas a persoa de mobilidade reducida, estas deberán situarse o máis próximas posible aos puntos de cruce entre os itinerarios peonís accesibles e os itinerarios vehiculares. Deste xeito, -dixo- garantirase o acceso dende a zona de transferencia ao itinerario peonil de forma autónoma e segura.

Sempre que sexa posible, estas prazas de estacionamento serán adxacentes aos pasos de peóns. De non selo, deberán incorporar un vao.

Todas as prazas contarán cunha zona de aproximación e transferencia. Nas prazas en liña este espazo será posterior, contará con sinalización horizontal e terá un longo de 1,5 metros (D-05).

45 puntos
Estas medidas traduciranse na práctica na intervención inicial sobre 45 puntos da cidade: 15 novos vaos; 12 reformas de vaos existentes, 4 rebaixes de bordo, 4 reformas de prazas de estacionamento, 3 reformas de itinerarios que requiren varandas, 2 actuacións en cruces que requiren elevación de pavimento, 1 instalación de zocalo nunha pasarela de madeira; 1 sinalización de itinerario alternativo a unha escaleira, 1 mellora dun itinerario peonil nun parque, 1 valado de desnivel e 1 punto de creación de 4 prazas de estacionamento.

Actuarase nas seguintes zonas da cidade: cruces do Burgo das Nacións coa rúa Alexandre Bóveda e coa zona da Facultade de Ciencias da Comunicación, rúa San Caetano, escaleira na rúa Carballo, rúa Tomiño (zona estación de autobuses), parque Fermín Bouza Brey, cruce da rúa Xasmíns coa avenida Xoán XXIII, rúa Galeras, cruce da rúa República do Salvador con Alfredo Brañas, cruces da rúa Hórreo con República do Salvador e con República Arxentina, cruces da rúa Domingo Fontán con Bernardo Barreiro e con Eduardo Pondal, rúa Domingo Fontán, rúa Ramón Piñeiro, cruces da avenida de Lugo co Hórreo e con Ramón Piñeiro, avenida de Lugo, rúa Ramón Cabanillas, rúa Fernando III O Santo, rúa Romero Donallo, rúa Restollal, rúa Fontes do Sar, Multiúsos do Sar, rúa Manuel María, rúa Camiños da Vida, cruce da rúa Melide con Camiños da Vida, rúa Melide, cruce do Cruceiro da Coruña con Camiños da Vida, rúa As Cancelas e rúa Ramón Baltar.

Compartir: