DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Comezan este mes as obras de mellora da rúa 25 de Xullo

15/11/2014 Este mes comezarán as obras de mellora da rúa 25 de Xullo, situada no barrio das Cancelas, actuación que dá cumprimento á demanda de arranxo desta rúa reclamada polos veciños dende hai tempo e cuxo proxecto foi consensuado cos residentes da zona. A intervención enmárcase dentro dunha actuación integral que se vai levar a cabo no barrio.

Con esta obra, o Goberno municipal quere mellorar as condicións de urbanización dunha rúa na que, dado o incremento da actividade do contorno, resulta necesario mellorar os servizos á cidadanía e manter un uso máis cordial do espazo público, tal e como se recolle na memoria do proxecto.

A intervención vai completar as beirarrúas das que carece en parte a rúa, mellorando a súa urbanización coa definición de espazos peonís e para o tráfico rodado no tramo que dende as proximidades do centro comercial conecta co cámping das Cancelas.

O proxecto vai servir para renovar o pavimento da rúa e os servizos soterrados, coa ocultación do cableado, nunha lonxitude de preto de 400 metros, incluíndo a introdución de arborado no seu primeiro treito.

As obras serán realizadas pola empresa Unika Proyectos e Obras (S.A.U) por un importe de 190.938 euros e terán un período de execución de tres meses.

Nunha segunda fase, o Concello realizará diversas actuacións de mellora como a construción dunha pista polideportiva demandada polos veciños. Ademais, os técnicos municipais están a traballar na redacción do proxecto de reurbanización da rúa das Cancelas.

Compartir: