ALCALDÍA

Agustín Hernández clausurou o VIII Encontro de Profesionais do Dereito Concursal

14/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, clausurou no Auditorio Abanca o VIII Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal. Esta cita ten a Compostela como sede dende hai tres anos.

Agustín Hernández referiuse á "oportunidade e actualidade" da materia concursal nos últimos anos. Así, lembrou "a progresiva proliferación de complicadas situacións nas empresas e a magnitude de moitas delas puxo en evidencia a necesidade de incidir nas melloras, tanto nos procedementos como na formación dos profesionais dedicados a abordar aspectos como quebras, suspensión de pagos, embargos, premas, refinanciaciamentos, concursos ou liquidacións".

A crecente situación de insolvencia de moitas empresas –explicou- fixo patente a necesidade dunha adecuación normativa, plasmada na nova Lei Concursal de 2011, cunha eficacia que se veu reforzada por dous novos decretos de 2014: o que aborda o refinanciaciamento e reestruturación dá débeda empresarial e o que desenvolve novas medidas urxentes para esta materia.

Neste contexto enmarcou o Encontro, considerándoo "un lugar moi apropiado para afondar nas consecuencias das novas medidas e nas súas posibilidades á hora de afrontar con eficacia a resolución das situacións concursais". Todo isto, en prol dun mellor tratamento e resolución duns procedementos que "confío en que cada vez sexan menos frecuentes, como lóxico correlato dunha progresiva mellora da situación económica e do fortalecemento das estruturas empresariais, para o que todos debemos traballar e colaborar", indicou.

A propósito disto, citou as estatísticas do INE que constatan unha redución dos procedementos concursais nas empresas en Galicia e un menor abandono da actividade empresarial. "Nese balance positivo debe ter, sen dúbida, grande influencia, cando a ocasión así o require, a solvente actuación de administradores concursais permitiron reconducir e reflotar situacións adversas", concluíu Agustín Hernández..

Compartir: