VIVENDA

O sorteo dos pisos de Belvís celebrarase o venres 8 de setembro

01/09/2006 A adxudicación dos pisos de Belvís celebrarase finalmente o venres 8 de setembro, ás 16:00 horas, no Pazo de Congresos. As listas poderán consultarse esa mesma tarde na sala do acto e, a partir do día seguinte, no Concello, na sé da Consellería de Vivenda e Solo en Santiago e na delegación provincial da Consellería.

Un total de 938 solicitudes de mozos e mozas entre 18 e 35 anos optarán a estas vivendas, que serán adxudicadas en réxime de aluguer sen opción a compra. A duración inicial do contrato será de cinco anos a partir da data de sinatura. Rematado ese primeiro contrato, o beneficiario poderá renovalo anualmente, ata un máximo de cinco, acreditando que segue a cumprir os requisitos, a excepción do da idade de 35 anos.

Para as 36 vivendas de dous dormitorios destinadas a persoas ou unidades familiares ou convivenciais sen fillos hai 806 solicitudes. Para as 28 vivendas de tres dormitorios destinadas a unidades familiares ou convivenciais con un ou dous fillos contabilizáronse 107 solicitudes. Para as 4 vivendas de catro dormitorios destinadas a unidades familiares ou convivenciais con tres ou máis fillos hai 11 solicitudes. Por último, para as 2 vivendas de tres dormitorios adaptadas a persoas con minusvalía física contabilizáronse 14 solicitudes.

No sorteo público ante notario haberá catro urnas, unha por cada tipo de vivenda, nas que se introducirán as papeletas cos nomes dos solicitantes e o número asignado segundo a orde alfabética de cada lista. Iranse sacando papeletas ata cubrir o número de vivendas de cada cupo, e a maiores designaranse os suplentes co dobre do cupo de cada lista.

A partir da data do sorteo procederase a revisar os expedientes dos adxudicatarios para ver se cumpren os requisitos. Unha vez comprobada toda a documentación publicaranse as listas definitivas. Está previsto que as vivendas estean listas para ser entregadas a finais deste ano.

Compartir: