ALCALDÍA

O alcalde incide na importancia do traballo conxunto e coordinado para facer de Área Santiago un destino turístico único

14/11/2014 O Mercado de Abastos de Santiago acollerá entre o 14 e o 29 de novembro a exposición fotográfica Moi cerca de Santiago...Sorpréndete, coa que se quere amosar os atractivos turísticos dos 16 Concellos pertencentes ao grupo Área Santiago. A mostra está composta por 53 imaxes de 32 autores, entre as que se atopan as imaxes gañadoras e outras seleccionadas do concurso de fotografía que o propio grupo Área Santiago organizou o pasado verán nas redes sociais.

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañado de alcaldes e concelleiros dos municipios de Área Santiago, inaugurou a exposición esta mañá e resaltou a idoneidade para a mostra do Mercado de Abastos, o segundo punto de atracción turística da cidade por número de visitantes, tras a Catedral. Ademais, dixo, "trátase de axustar o horario da exposición co que mantén o propio Mercado e aproveitar así a asistencia a este recinto, tanto dos numerosos clientes que acoden a diario ás instalacións, como dos turistas".

Enmarcou esta exposición na "nova etapa de accións coordinadas na procura dunha proxección e dun beneficio común" emprendida polo grupo. Neste sentido, incidiu na importancia de traballar de forma conxunta e coordinada, porque é xuntos como podemos aproveitar mellor as nosas posibilidades e crear un destino turístico único, cunha oferta ampla e diversa, que sume para o ben común o mellor de cada un dos nosos concellos".

Esta mostra é un bo exemplo dese traballo conxunto e responde, segundo indicou o alcalde, aos obxectivos propostos no Plan de Acción: ampliar e mellorar a información turística dos 16 concellos; crear produtos que posicionen a Área Santiago como destino; aumentar o valor engadido da oferta turística existente e incrementar o número de pernoctacións nos nosos concellos.

Con estes obxectivos correspóndense tamén outras accións xa postas en marcha, como a creación dun mapa turístico da zona, a creación dunha web dos 16 concellos, unha campaña promocional no verán do 2013, a presentación do grupo en Fitur deste ano ou a propia organización dun concurso fotográfico neste verán, que está na base desta exposición.

Moi cerca de Santiago...Sorpréndete
A exposición Moi cerca de Santiago...Sorpréndete poderá visitarse na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos de luns a sábado pola mañá, no horario de apertura da praza. A organización da exposición no Mercado de Abastos permitirá amosar diferentes aspectos dos concellos de Área Santiago dende a mirada dos propios veciños e os seus visitantes nun espazo que é o segundo lugar máis visitado da cidade.

As fotografías preséntanse realizadas en vinilo sobre paneis de cartón de niño de abella, un produto de nova xeración e ecolóxico. A exposición consta de catro seccións, que se corresponden coas catro categorías do concurso de fotografía do pasado verán para destacar os múltiples recursos dos concellos de Área Santiago.

Os gañadores foron: na categoría Festas e tradicións, a fotografía presentada por Aroa Martínez Sánchez e titulada "A Estrada, Agrupación Tequexetéldere"; en Patrimonio Histórico e Cultural, a fotografía de José Ramón Moire Silva denominada "Ponte Ledesma"; en Paisaxes e Natureza, a fotografía presentada por José A. Sanjurjo da "Aldea na parte traseira do Pico Sacro"; e en Gastronomía, a fotografía de José Ramón Moire Silva titulada "Galo de Curral de Vila de Cruces".

O obxectivo do concurso foi dar a coñecer os atractivos dos Concellos que forman parte de Área Santiago: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Compartir: