XUNTA DE GOBERNO

O Concello acometerá melloras na rúa Blanco Amor e instalará novo alumeado público na parroquia de Figueiras

14/11/2014 O alcalde compostelán e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno dun proxecto de mellora da rúa Blanco Amor, no barrio de Vite. Tamén deu conta do proxecto de instalación de novo alumeado na parroquia de Figueiras.

As obras previstas na rúa Blanco Amor teñen por finalidade a reposición dos pavimentos deteriorados nas beirarrúas, un tratamento na calzada con aglomerado e a eliminación da inseguridade nalgunhas zonas con desnivel, mediante a dotación de varandas de protección.

O custo do proxecto é de 207.275 euros e o prazo de execución previsto é de 2 meses e medio. Aprobado o proxecto, iníciase o procedemento para elaborar os pregos de condicións e licitar a obra.

Alumeado público en Figueiras
O Goberno local tamén deu o visto bo ao proxecto de instalación de alumeado público na parroquia de Figueiras, en concreto nun tramo de estrada duns 800 metros do lugar de Xulacasa, no contorno da pista polideportiva. Investiranse 56.979 euros e o prazo estimado para a colocación das luminarias é de dous meses.

O proxecto contempla a dotación de 30 novas luminarias, de alta eficiencia e de baixo consumo, provistas cada unha delas de 60 leds de alto rendemento, sobre columnas rectas de aceiro galvanizado de 8 metros de altura. A separación das luminarias será de 25 metros e os condutores que se empregarán serán de aluminio.

Expedientes sancionadores
Seguindo con asuntos da Concellería de Desenvolvemento Urbano Sostible, abriuse o procedemento de contratación do servizo para a xestión dos expedientes sancionadores por infraccións en materias relacionadas con esta área. O importe de licitación previsto é de 40.368 euros, polo período dun ano prorrogable.

O servizo vai encamiñado a traballos de colaboración auxiliares de carácter administrativo e dos correspondentes procesos informáticos. Supón, fundamentalmente, un reforzo nos labores de disciplina urbanística motivado pola novas funcións creadas (como o novo rexistro auxiliar) ou as novas ordenanzas relacionadas coas autorizacións de terrazas ou publicidade estática.

Documentos relacionados



Compartir: