ALCALDÍA

O alcalde recibiu os participantes na Conferencia de Decanos das Facultades de Medicina de España

13/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu no salón vermello de Raxoi os participantes na Conferencia de Decanos das Facultades de Medicina de España, que se celebra na cidade do 13 ao 15 de novembro.

A Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Medicina Españolas, que agrupa a 39 facultades españolas, de universidades públicas e privadas, ten como fins atender, preferentemente, á promoción de actividades encamiñadas cara o desenvolvemento científico, técnico, socio-sanitario e cultural da Medicina e cara a formación dos médicos españois, así como ao estudo, reflexión e análise dos problemas que inciden no ámbito da educación médica en España.

Agustín Hernández apuntou que esta xuntanza vén a por de relevo o papel central da Facultade de Medicina na historia da Universidade de Santiago e da propia cidade. Hoxe en día, dixo, esta Facultade é un referente, non só no mapa universitario galego, senón tamén no conxunto do ámbito universitario español.

Expresoulle aos presentes no acto o seu desexo de que a reunión de Santiago sirva para poñer en común experiencias e necesidades que redunden nunha mellora da calidade da ensinanza e nunha maior capacitación dos profesionais da medicina en beneficio da sociedade.

Compartir: