CULTURA

Nordestin@s traslada a Compostela a súa viaxe musical pola costa norte

01/09/2006 O Teatro Principal é o escenario escollido por Nodestin@s para gravar o seu disco e para ofrecer ao público compostelán o seu particular repertorio popular. A cita é o sábado 2, ás 22:00 horas.

Despois de estar en Santiago con algúns doutros dos seus proxectos musicais, Ugía Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade volven agora con este proxecto. No seu concerto as dúas voces galegas achéganse á súa infancia, á música popular que lle transmitiron os seus pais: cancións populares dos 70, habaneiras, cancións mariñeiras, cancións de taberna…e xuntan coas súas propias composicións, que tamén miran ao mar. Todo isto envolto cos arranxos, a elegancia e o talento dun dos mellores músicos de jazz da Península.

A paixón de Nordestin@as mestúrase co jazz de Abe dun xeito espontáneo e natural. Un piano de cola, dúas mulleres con medias de rede e unha escollera, a escenografía do artista mindoniense Caxigueiro.

O público atoparase cun concerto que "mira ao norte dende o centro", segundo apunta Guadi Gallego. E todo no marco dun proxecto que, como di, "é un traballo de moito amor á nosa música e á nosa forma de vivir". Ademais da gravación da música, tomaranse imaxes para a futura edición dun DVD.

Compartir: