CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pon en directo a banda sonora ao filme "A quimera do ouro"

13/11/2014 No marco da 28ª edición do festival Cineuropa, este venres 14 de novembro proxectarase o filme A quimera do ouro, de Charles Chaplin. Será ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. De maneira simultánea á proxección desta película muda, a Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo a banda sonora orixinal, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel.

Este ano conmemóranse os cen anos da creación do personaxe de Charlot, así como os 125 anos do nacemento de Chaplin. A quimera do ouro relata como un vagabundo se lanza á aventura nas montañas nevadas de Alaska movido pola febre do ouro que sacudía o país. Alí sufrirá todo tipo de calamidades. Pero todo parece cambiar cando, xa san e salvo, de volta ao pobo instalado na montaña, coñece a unha xoven bailarina.

Esta película é considerada por moitos o maior éxito cinematográfico de Charles Chaplin, debido a ese inesquecible final feliz, pero tamén ás súas escenas maxistrais (a comida dos zapatos de Charlot, a casa en equilibrio no precipicio, o baile dos boliños de pan…) e á súa crítica aceda sobre a ambición desmedida, as diferencias sociais, a soidade, o amor…

Chaplin sempre dixo que lle gustaría ser lembrado por esta película, que se estreou o 26 de xuño de 1925 e se reestreou no ano 1942 cunha nova montaxe na que se acortaron escenas, introducíronse outras non empregadas na primeira versión e presentouse en versión sonora cun novo acompañamento musical e narración en off do propio Chaplin, recibindo dúas nominacións aos Premios Óscar: mellor son e mellor banda sonora.

Partitura restaurada por Timothy Brock
O director e compositor Timothy Brock é o responsable da restauración da partitura orixinal a partir dun exhaustivo traballo de investigación que comezou en 2006. El mesmo destacou que nesta partitura "hai música de tormenta, de loita, de amor ou de cabaré; pero tamén música escrita meticulosamente para o impo, a fame, o sono, a comida, as alucinacións, as loitas de bolas de neve, a sospeita, a indignidade, o orgullo e a indiferenza, todos elementos esenciais tanto na película como na súa música".

Para a realización desta banda sonora Chaplin recorre a música orquestral moi recoñecida de Rimski-Korsakov e Chaikovsky e a melodías populares, entre elas Es un rapaz excelente, considerada a segunda canción máis popular en inglés despois de Cumpreanos feliz. Nesta partitura pódese recoñecer a marca musical de Chaplin: as pasaxes para corda escuras e nostálxicas, coloridos solos para óboe e fagot, a arpa sempre presente e a pura potencia dos metais mostrando a expresión, a liberdade do movemento, o estado de ánimo e o carácter, que poden mudar case de xeito inmediato.

Encontro co público
Antes do inicio desta cita cinéfilo-musical, o director de Cineuropa, José Luis Losa, manterá unha charla previa co público asistente. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: