DEPORTES

A Granxa do Xesto acolle este domingo o XIV Trofeo Cidade de Santiago de Ciclocross

13/11/2014 A concelleira de Deportes, María Corral, presentou o XIV Trofeo Cidade de Santiago de Ciclocross. A proba, organizada polo Club Ciclista Muebles Compostela, co patrocinio do Concello de Santiago, celebrarase este domingo 16 de novembro, a partir das 10:30 horas, na Granxa do Xesto. Participarán uns 200 ciclistas.

María Corral animou os composteláns a presenciar esta proba, moi atractiva pola súa espectacularidade, á que contribúe un circuíto que pode observase con facilidade dende diversos puntos. Acompañaron á concelleira na presentación da proba o presidente do Club Ciclista Muebles Compostela, Nemesio López, e o seu director deportivo, Guillermo Fernández.

Nesta ocasión, os organizadores prepararon un percorrido de 2,8 quilómetros cunha dificultade media-alta, incrementada máis aínda polo clima previsto e a humidade do terreo nestas datas.

Repartiranse 33 trofeos entre as 11 categorías a competición: elite, sub-23, master 30, 40, 50 e 60, júnior, cadete, féminas e sénior. Os corredores, segundo as catogorías, sairán ás 10:30, 11:10 e 12:00 horas.

Cinco probas ciclistas
Esta proba enmárcase no convenio que o Concello subscribiu co Club Ciclista Muebles Compostela para a organización de diversas probas ciclistas durante este ano 2014, achegando para iso 30.000 euros en concepto de subvención para facer fronte a diversos gastos destas competicións, como licenzas federativas, prendas deportivas, seguros, transporte e outros gastos de organización.

O XIV Trofeo Cidade de Santiago de Ciclocross é a quinta e última proba incluída neste convenio. Antes xa se celebraran a Volta Ciclista Festas da Ascensión (29 de maio), a Carreira de Escolas e Cadetes Trofeo Concello de Santiago (31 de maio), a Carreira de Descenso de BTT (15 de xuño) e a Carreira Mini Descenso BTT (13 de setembro).

Compartir: