ALCALDÍA

O Concello estudará a ampliación da parcela cedida a Down Compostela para facilitar as súas actividades hortícolas de inserción

13/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou a sede da Fundación Down Compostela, na rúa Alejandro Novo González. Alí reiterou o apoio municipal ao labor realizado por esta entidade e anunciou que o Concello estudará a posible ampliación da parcela que rodea a esta sede, onde a Fundación realiza actividades hortícolas co fin de mellorar a inserción laboral.

Durante a visita, o alcalde cualificou de "exemplar" o traballo que realizan entidades como a Fundación Down Compostela. Das sensacións experimentadas, quedouse coa "ilusión" de alumnos e profesores, tomando como referencia o curso de xardinería visitado, no que participan 15 persoas, que acondicionan parte da parcela na que se sitúa a sede social da Fundación. O curso servirá para por en marcha unha actividade de viveirismo, coa idea de comercializar directamente ao consumidor plantas aromáticas e outro tipo de cultivos en invernadoiro.

A Agustín Hernández pareceulle unha aposta "novidosa e práctica", merecente de "todo o apoio". Por iso, anunciou que o Concello vai estudar a posibilidade de ampliar a superficie da parcela que a Fundación ten cedida e que rodea a súa sede, co obxectivo de axudar nesta iniciativa e facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade.

Programa de Lecto-escritura
O Concello xa vén colaborando coa Fundación Down Compostela no financiamento do seu Programa de Lecto-escritura. Así, o pasado 10 de outubro, a concelleira de Servizos Sociais, María Corral, e o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Jesús Martínez López, asinaban o convenio polo que o Concello achega 6.000 euros para financiar esta iniciativa.

As persoas con Síndrome de Down precisan adquirir competencias lecto-escritoras dende a primeira infancia ata a idade adulta, pasando por distintas fases e estratexias de intervención dependendo da idade e das características da persoa. Dominar esta destreza resulta fundamental non só nas diferentes etapas educativas, senón para o desenvolvemento normalizado da vida adulta.

O Programa de Lecto-escritura da Fundación Down Compostela está destinado a uns 25 usuarios e usuarias con discapacidade en xeral, e síndrome de Down en particular, que precisan adquirir ou mellorar as súas competencias lecto-escritoras a partir dos 3 anos. O obxectivo xeral é favorecer e mellorar as competencias lecto-escritoras destas persoas ferramenta de aprendizaxe e para favorecer a súa inclusión escolar, social e familiar.

O programa desenvólvese de forma individualizada, atendendo ás características e ao ritmo de cada un dos nenos. De forma case simultánea á aprendizaxe da lectura, faise fincapé na comprensión lectora, introducindo tamén a escritura, traballando previamente as habilidades de grafomotricidade como paso previo para conseguir unha grafía lexible.

Compartir: