ALCALDÍA

O alcalde cualifica de "brillante e exquisita" a obra "A insólita peregrinaxe de Harold Fry", de Rachel Joyce, gañadora do Premio Novela Europea Casino de Santiago

12/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á entrega do Premio Novela Europea Casino de Santiago, na súa XI edición á escritora británica Rachel Joyce, pola súa obra A insólita peregrinaxe de Harold Fry.

Agustín Hernández cualificou a novela gañadora como "brillante e exquisita" e un "exercicio de introspección sobre a natureza e as relacións humanas que ten como fío condutor un longo percorrido de case 3 meses e máis de 1.000 quilómetros". "É un argumento tan ben construído e con tantas posibilidades cinematográficas, que non sorprende que vaia a converterse en película en pouco tempo", indicou.

Explicou que esta novela ten moita relación cun fenómeno moi ligado á cidade como a peregrinación. " O camiño é na obra premiada un elemento central, onde aparece reflectida, dende unha perspectiva actual, a súa importancia no decorrer da vida das persoas", constatando a influencia que pode exercer "unha viaxe en soidade, a experiencia de abandonar a rutina e a monotonía para terminar refacendo a vida ou atopando un novo sentido á propia existencia", afirmou o alcalde.

"Na novela de Rachel Joyce –apuntou- o lector vai avanzando no relato e vai descubrindo, ao longo del, os trazos da vida do protagonista; e ese discorrer narrativo, con trazos por veces asombrosos, condúcenos a un acto de reflexión tamén sobre a nosa propia experiencia".

Agustín Hernández valorou a "estrutura e o ritmo" da novela. "Como lector agradezo a calidade desta obra, pero como alcalde e como simple veciño desta cidade, quero agradecer tamén un aspecto que quizais non tivo tan presente a autora na súa creación, pero que sen dúbida é un valor engadido da súa obra: a difusión e a valoración que fai do camiño como motivo e eixe dunha vivencia positiva e enriquecedora para as persoas", concluíu, non sen antes desexarlle a Rachel Joyce éxitos na súa carreira literaria.

XI edición
A insólita peregrinaxe de Harold Fry, de Rachel Joyce, foi a obra que recibiu maior porcentaxe de votos en conxunto dos tres xurados deste XI Premio Novela Europea Casino de Santiago: o dos lectores composteláns (30%), o dos socios do Casino de Santiago (20%) e o do xurado institucional (50%). A novela gañadora será traducida ao galego e formará parte da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, editada por Galaxia.

Tamén resultaron finalistas nesta edición as novelas Medusa, de Ricardo Menéndez Samón; As voces baixas, de Manuel Rivas; Antiga luz, de John Bancille; e Nada se opón á noite, de Delphine de Vigán.

O Premio Novela Europea Casino de Santiago xa conta entre as súas obras gañadoras con, en edicións anteriores, con: Expiación, de Ian McEwan; A Menulara, de Simonetta Angelo; Xuntos nada máis, de Ana Gavalda; Nunca me abandones, de Kazuo Ishiguro; Sobre a beleza, de Zadie Smith; Ronda nocturna, de Sarah Waters; Caos calmo, de Sandro Veronesi; A estraña desaparición de Esme Lennox, de Maggie O´Farrell; A cea, de Herman Koch; e De vidas alleas, de Emmanuel Carrère.

Compartir: