CONSORCIO

O Consorcio promove tres novos obradoiros didácticos no Museo das Peregrinacións

12/11/2014 O Consorcio de Santiago promove esta fin de semana no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) tres novos obradoiros didácticos dirixidos a nenos de entre 6 de 12 anos. Cada un deles ten unha duración de entre unha hora e media e dúas horas. A finalidade desta experiencia lúdica é que os máis pequenos se acheguen á historia de Compostela a través de propostas diferentes.

O sábado realizaranse dous talleres, ás 12:00 e ás 18:00 horas. O da mañá, titulado Lemos Historia, busca fomentar a lectura e estimular a imaxinación e a creación literaria. Os asistentes farán un percorrido pola exposición permanente do museo, a través da cal terán a oportunidade de coñecer mellor como naceu e foi evolucionando a cidade compostelá, dende a Idade Media ata a actualidade. Esta visita apoiarase coa lectura de publicacións vencelladas á historia de Santiago. E de seguido, os rapaces crearán unha narración a partir dunha caixa chea de obxectos diversos, como unha cunca, unha campá, un candil, un botafumeiro, unha frecha e ata unha táboa para cortar o polbo.

O obradoiro do sábado pola tarde, chamado Debuxamos Santiago, busca tamén favorecer a creatividade dos máis pequenos, neste caso por medio do debuxo e a pintura. Proporcionaráselles unha serie de láminas de Compostela, que terán que colorear ou mesmo debuxar eles mesmos a cidade, tanto a medieval como a contemporánea, dende o seu punto de vista particular.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar o taller Instantáneas móbiles, que impartirá o fotógrafo Manuel Blanco. Os asistentes coñecerán as distintas posibilidades que ofrecen as cámaras fotográficas dos teléfonos móbiles, para que serven as distintas aplicacións e como se lles pode sacar o maior proveito. Aprenderán ademais a mellorar a calidade das súas fotografías.

Cada taller custa 3 euros e será necesaria a inscrición previa para participar en calquera deles, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou na recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de 15 participantes cada un e un mínimo de 6 para poder celebrárense.

Compartir: