CONSORCIO

Inaugurada na Casa do Cabido a mostra "Bosques de prata", do ourive Eloy Gesto

11/11/2014 O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Agustín Hernández, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participaron na inauguración da exposición Bosques de prata, do ourive compostelán Eloy Gesto. A mostra, organizada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, pode verse ata o vindeiro 27 de xaneiro na Casa do Cabido, nun espazo cedido polo Consorcio de Santiago.

Esta exposición amosa o traballo máis íntimo e experimental de Eloy Gesto, xoias dedicadas en momentos especiais á súa familia, que participou no acto. A mostra componse de pezas nas que a figura do artesán esvaece na do artista e nas que se evidencia o empeño de Eloy Gesto por levar a ourivería a uns niveis de experimentación únicos, nos que a tradición compostelá se revisa e se renova.

O seu traballo soubo xuntar tradición e innovación, cunhas obras que destacan pola singularidade no seu deseño, que mostran a súa gran creatividade nunha busca de formas cun carácter persoal que as distingue e as caracteriza. O bosque, o campo e a natureza son constantes na obra de Eloy Gesto, que se reflicten tanto nas formas orgánicas que caracterizan as súas pezas como nos propios títulos das obras. Coa exposición Bosques de prata, dáse un paso máis na divulgación da obra deste artesán fillo, sobriño e pai de prateiros.

Compartir: