ALCALDÍA

A aprobación definitiva do PXOM, o impulso ao Plan Estratéxico e as infraestruturas marcan o novo curso político

01/09/2006 Iníciase un novo curso político, con varios temas importantes que centrarán a actualidade municipal nos vindeiros meses. Así o recordou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, ao referirse á aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ao impulso ao Plan Estratéxico e ás novas infraestruturas e vivendas.

Respecto ao PXOM, Sánchez Bugallo amosou a súa confianza en que "poida estar aprobado para entrar en vigor no primeiro trimestre do vindeiro ano". A finais de setembro estímase que estea listo o texto coas modificacións aprobadas no Pleno do 31 de xullo. Logo remitirase á Xunta, que dispón de tres meses, nos cales pode solicitar algunha aclaración adicional. Quedará así listo un Plan programado para os vindeiros 12 anos, ata o 2018, que define o proxecto de cidade para este período.

Outro dos temas pendentes é o Plan Estratéxico. O alcalde indicou que "se lle dará un novo impulso, xa que no último ano quedou un pouco relegado ante o protagonismo que asumiu o Plan Xeral". O obxectivo é que nos próximos meses quede pechado o Plan Estratéxico e definidos os seus obxectivos.

No eido das infraestruturas, Sánchez Bugallo lembrou que hai unhas semanas saíu a licitación a redacción do proxecto de entrada do AVE na cidade, entre Pontepedriña e Santa Lucía. Isto únese ao detalle con que o PXOM xa perfila a nova estación intermodal do AVE, cuxo impulso definitivo plasmarase no convenio que a finais de setembro asinará o Concello coa Consellería de Política Territorial e o Ministerio de Fomento. "Tratase –lembrou- da maior actuación urbana en Santiago cando menos no primeiro terzo do século XXI". Tamén no capítulo dos transportes, en outubro presentarase o proxecto da nova terminal do aeroporto de Lavacolla.

Os novos polígonos de vivenda tamén recibirán un impulso neste novo curso político. Neste momento atópase en fase de exposición ao público as expropiacións dos solos 7, 11, 12 e 14. En conxunto, nos mesmos está prevista a construción dunhas 1.600 vivendas, a maior parte delas protexidas. "De aquí a final de ano confío en que se resolvan as alegacións presentadas ao proxecto de expropiación e se adxudiquen as obras", indicou Sánchez Bugallo.

Compartir: