ALCALDÍA

O Adif confirmoulle a Agustín Hernández que acometerá de xeito inmediato a primeira fase da estación intermodal de Santiago

11/11/2014 O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) acometerá con carácter inmediato as actuacións urxentes que require a estación de ferrocarril de Santiago para adaptar as súas instalacións ás necesidades derivadas da chegada da alta velocidade o vindeiro ano, no que está previsto a posta en funcionamento do Eixo Atlántico.

Estas obras, segundo a planificación concretada hoxe en Madrid polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e os responsables da entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento, suporán a primeira fase da nova estación intermodal, e levaranse a cabo de xeito parello á redacción dun anteproxecto no que se concretarán o resto de cuestión pendentes, como a integración da estación de autobuses e a mellora da permeabilidade e a conexión cos barrios da cidade.

Agustín Hernández reuniuse esta mañá cos responsables do organismo público, encabezados polo seu presidente, Gonzalo Ferre, e a secretaria do Consello do ADIF, Alicia Portas. O alcalde de Santiago estivo acompañado pola concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e técnicos deste departamento.

Segundo a folla de ruta marcada o pasado venres polo alcalde e a ministra de Fomento, Ana Pastor, e concretada hoxe, as actuacións da primeira fase implicarán a mellora da capacidade e da mobilidade da estación, incluíndo a accesibilidade á rúa do Hórreo, a adaptación de plataformas e andéns á chegada da alta velocidade, e a ampliación das instalacións, en particular do vestíbulo.

Estas obras compatibilizaranse coa redacción dun anteproxecto quer permita definir a intermodalidade, acometer o traslado da estación de autobuses e mellorar a integración da infraestrutura na malla urbana.

Tal e como solicitou Hernández, esta planificación atende a un desenvolvemento racional da estación intermodal que permita a súa posta en marcha por fases, de xeito que se poidan ir poñendo a disposición dos usuarios as sucesivas melloras.

Compartir: