DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Ábrese o prazo de solicitude de concesión das hortas urbanas municipais de Belvís

11/11/2014 Dende mañá mércores e ata o venres 21 de novembro (ambos incluídos), estará aberto o prazo para solicitar as concesións das hortas urbanas municipais de Belvís de Abaixo.

Transcorrido o prazo de dous anos dende que foran adxudicadas as hortas urbanas situadas en Belvís de Abaixo, en decembro de 2012, o Goberno local acordou revogar as autorizacións de uso deses terreos e abrir un prazo de 10 días hábiles, do 12 ao 21 de novembro, para as solicitudes de nova concesión de uso. Os interesados poden presentar a documentación no Rexistro Xeral (Presidente Salvador Allende, 4 baixo) , no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo) ou nos lugares que permite a lexislación para estes efectos.

O día establecido para o sorteo desas parcelas entre os solicitantes que reúnan os requisitos é o 12 de decembro de 2014. Realizarase no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), no parque de Belvís.

26 parcelas
O Concello dispón en Belvís de 26 parcelas duns 60 metros cadrados cada unha, preparadas para o seu aproveitamento mediante prácticas agrícolas ecolóxicas ou, cando menos, tradicionais.

O Concello cede o uso destas terras á veciñanza conforme a unha ordenanza municipal específica. Cada parcela está identificada cun número e co nome da persoa que a cultiva, podendo dispoñer dun espazo de usos comúns con aseos e vestiarios, ferramentas para os labores, regadeiras, auga, mesas, bancos e un taboleiro de anuncios.

Compartir: