CULTURA

Quince filmes para elixir na xornada do martes 11 en Cineuropa

10/11/2014 O programa de Cineuropa continúa tras exitosa inauguración na que o público abarrotou o Teatro Principal. Na xornada deste martes 11 poderemos ver ata 15 filmes entre os que destaca a inauguración do ciclo Cando tiburón devorou ao cinema: ascenso e caída do Novo Hollywood, co filme A pantasma do paraíso, ás 00.00 horas no Principal, así como o último pase do exitoso documental de Win Wenders sobre Sebastiao Salgado A sal da terra (as 18:00 h no Salón Teatro), e a última oportunidade tamén de ver a laureada Kreuzweg (Stations of the cross), que levou o mellor guión en Berlín e a Espiga de Prata e premio FIPRESCI en Valladolid. Será ás 22:30 h no Principal.

Ademais, poderase ver o primeiro pase de Passion, de Brian de Palma, ás 18:00 h, e de Miss Julie, de Liv Ullmann, ás 20:00 h, ambos no Teatro Principal. E no Salón Teatro tamén o primeiro pase de La French, ás 20:00 h, e de A historia de Marie Heurtin, de Jean-Pierre Améris ás 22:30 h. Complétase a xornada con varios filmes das seccións de Berlín: 25 anos sen muro, Docs-Cineuropa e Cando tiburón devorou ao cinema: ascenso e caída do Novo Hollywood.

De todos estes filmes, catro están na sección Oficial e aspiran ao premio do público. Estes son os comentarios do director do festival, José Luis Losa, aos mesmos:

- Kreuzweg (Stations of the cross): Podería establecerse algunha comparación co Camino de Fésser pero sen ambigüidade ningunha. Non hai aquí piedade para contarnos, en doce estacións, o vía crucis dunha adolescente para a cal o integrismo só entende a paz a través da dor e a autoinmolación. Imprescindible.

- Marie Heurtin: Nada que ver con O milagre de Anna Sullivan nin con A canción de Bernardette. Esta película de Jean Pierre Amèris propón un nada tramposo exercicio de achegamento dramático á minusvalía, onde o relixioso é só pano de fondo dun drama con gran actriz francesa dentro –Isabelle Carré, que traballou con Resnais ou Tavernier, entre outros– e premio nun festival do prestixio autoral de Locarno.

- La French: Unha mostra do poderío económico do cinema francés, esta viaxe no tempo até a Marsella dos anos 70 do século pasado, o tempo en que a cidade costeira era capital do crime organizado (a French Connection, á que Hollywood lle puxo a cara de Fernando Rei) posúe a solidez dunha criminal movie de Scorsese. Jean Dujardin é o fiscal xeral, o Elliot Ness galo deste thriller opulento, nada compracente nas súas arestas de ferinte denuncia política.

- Miss Julie: Liv Ullman demostrou todo o que a vida lle permitiu empaparse de sabedoría fílmica nas abafadoras Infiel e Confesións privadas. A súa adaptación da obra de Strindberg, coa de Mike Figgis aínda no recordo, é un prodixio de dominio da linguaxe, do plano como campo de batalla hormonal, da tensión dramática que atesouran os seus tres actores en estado de graza: Jessica Chastain, espida de artificios, desgarrada polos corpiños da súa clase; Colin Farrell, o mordomo infiel; e Samantha Morton, exmoza Coixet, que chega a última á función pero non para pasar desapercibida.

Compartir: