CONSORCIO

A Real Filharmonía ofreceu un concerto no Auditorio Nacional de Música (Madrid)

10/11/2014 A Real Filharmonía de Galicia ofreceu un concerto Madrid, no Auditorio Nacional de Música. A batuta levouna Paul Daniel, director titular e artístico da RFG. O programa deste concerto foi xa interpretado este venres pasado no Auditorio de Galicia,

A orquestra interpretou Mar ao norde, do galego Fernando Buide del Real, que en 2013 gañou coa súa obra Fragmentos do Satiricón o Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA, convocado pola Asociación Española de Orquestras Sinfónicas. Mar ao norde toma o seu título dun dos primeiros libros de poemas publicados por Álvaro Cunqueiro (1932).

"Foi un libro que me marcou moito, polo que intentei trasladar esas emocións á música. Cunqueiro fai referencia a imaxes como o mar ou a noite para rememorar a realidade; os poemas parecen flutuar entre imaxes reais e as representacións imaxinadas que realizamos delas. Do mesmo modo, nesta obra prodúcese un diálogo entre a orquestra e a sección de chelos (composta por seis instrumentistas con partituras diferenciadas), que teñen un papel fundamental. Rememoran o que fai a orquestra a xeito de reverberación e noutras ocasións sucede ao contrario, é a propia orquestra a que reimaxina aquelas melodías e acordes que fan os chelos", explica o compositor.

Un carácter calmo e tranquilo percorre toda a obra, a pesar de que en diversos momentos emerxen intervencións axitadas dos chelos. Esta axitación chega mesmo a trasladarse ao conxunto da orquestra, atravesando algún instante de violencia e tensión. "É unha música que, a pesar da súa complexidade, nun primeiro contacto pode chegar ben ao público. Nas miñas obras sempre procuro que, aínda que a linguaxe sexa moi elaborada, as ideas se mostren claras e cristalinas", resalta Buide.

Nacido en Santiago (1980) e con residencia habitual na Coruña, Buide é doutor pola Universidade de Yale. Con tan só 34 anos, a súa música xa foi interpretada por múltiples formacións de Estados Unidos e programada en festivais nacionais e internacionais.

As danzas rituais de Tippett
O concerto seguiu coa ópera The midsummer marriage: danzas rituais, do compositor británico Michael Tippett (1905-1998). Está considerada como unha das obras dramáticas máis orixinais e persoais do século XX. Musicalmente expresiva, o fluxo dramático involucra a audiencia no destino da parella de namorados protagonista da historia. A decisión de Tippett de extraer as Catro Danzas Rituais desta obra como unha suite de concerto reflicte o feito de que a danza sempre estivo presente na súa concepción da ópera.

Sibelius con Tedi Papavrami ao violín
A actuación concluíu co Concerto para violín e orquestra de Jean Sibelius (1865-1957). É unha das obras máis executadas do compositor finlandés, un dos máis interpretados do século XX debido ao seu estilo absolutamente romántico. Aínda que non é o estilo máis habitual do compositor, non deixa de formar parte da súa personalidade musical e condensa as súas emocións pois, sen ser autobiográfica, está ligada á súa experiencia vital, respondendo a unha necesidade de Sibelius de chegar a un público máis alá das súas fronteiras, pero sen perder a súa personalidade finlandesa. Composta en 1903 e revisada en 1905, é unha obra de gran complexidade técnica.

Nesta obra, os músicos estarán acompañados polo virtuoso violinista albanés Tedi Papavrami, que toca un dos violíns construídos polo luthier Christian Bayon. A arte de tocar este instrumento foille transmitida polo seu pai á idade de cinco anos. Con oito xa era capaz de interpretar en público os Aires xitanos de Sarasate e, con once, o Concerto n.º 1 para violín de Paganini.

En 1982, o frautista Alain Marion escoitouno impresionado e ofreceulle unha bolsa en Francia para o Conservatorio de París como alumno de Pierre Amoyal, estudos que rematou aos quince anos. Tras gañar varios primeiros premios, emprendeu a súa carreira como solista e músico de cámara, colaborando con grandes directores de orquestra. Na actualidade vive en Xenebra, onde é profesor de violín na Haute École de Musique dende 2008.

Compartir: